Anthony Lake: "Avanzamos moito na loita para erradicar a polio. Temos os medios para rematar a tarefa"

Declaración do Director Executivo de UNICEF  , Anthony Lake.

O Día Mundial da Poliomielite é un recordatorio conmovedor de todo o que logramos xuntos na loita contra a polio. Hai moito que celebrar. Menos nenos que nunca sofren os efectos debilitantes desta cruel enfermidade. Por primeira vez na súa historia, este ano, India foi declarada libre de poliomielite. Vemos ante nós a meta: a erradicación da polio.

Pero o Día Mundial da Poliomielite é tamén un recordatorioaleccionador de que, como en moitas carreiras de longa distancia, o último tramo é o máis difícil. Os nenos en Paquistán, Afganistán e Nixeria - os tres países nos que a poliomielite segue sendo endémica - están a sufrir os estragos causados por este virus. E son os nenos que viven nas zonas de máis difícil acceso os que están en maior risco: nenos con minusvalideces, os vulnerables e os que viven en zonas de conflito ou áreas remotas. O exemplo de India demóstranos que podemos chegar a eles. E imos chegar a eles, traballando xuntos.

En setembro, durante a Asemblea Xeneral da ONU,representantes de Paquistán, Afganistán e Nixeria, así como os gobernos, a sociedade civil e o sector privado volveron confirmar o compromiso de todos para erradicar a poliomielite en todo o mundo. E sobre o terreo, os valentes traballadores sanitarios, os verdadeiros heroes deste esforzo, arriscan as súas vidas todos os días para buscar e vacinar os nenos, a miúdo correndo un gran perigo.Avanzamos moito na loita para erradicar a polio. Temos os medios para rematar a tarefa. Podemos facer historia. Ou podemos deixar de aproveitar o momento. Para que a historia non nos xulgue a nós con dureza, logremos un mundo sen poliomielite que sexa o noso legado á próxima xeración de nenos.