Afganistán: aumenta o número de nenos mortos e feridos

En 2011, 1.756 nenos foron asasinados ou resultaron feridos debido ao conflito en Afganistán, segundo un informe sobre nenos e conflitos armados dado a coñecer polo Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon.  

Esta cifra aumentou con respecto a 2010, con 1.396 afectados, e supón unha media de 4,8 nenos ao día.UNICEF mostra a súa preocupación por esta tendencia e volve incidir no seu chamamento a todas as partes do conflito para que garantan que os nenos están protexidos en todo momento, de acordo coa lei humanitaria internacional.

Protexer  os nenos do conflito en Afganistán

"A morte ou mutilación dun só neno é unha traxedia. Este nivel desufrimento evitable para os nenos, como indica o informe do Secretario Xeral, é simplemente inaceptable, dixo o Representante Adxunto de UNICEF en Afganistán, Vidhya Ganesh. "É fundamental que todas as partes involucradas no conflito fagan todo o posible, de inmediato, para protexer a vida e os dereitos básicos dos nenos de Afganistán. "UNICEF Afganistán pide a todas as partes no conflito aclarar as súas políticas e procedementos para minimizar as baixas de civís, incluídos nenos, e insta ás Forzas de Seguridade Nacional de Afganistán e ás forzas militares internacionais a que garantan a posta en marcha de medidas adecuadas para facer seguimento dos danos provocados a civís, así como de políticas para mitigar os danos o máis pronto posible. Isto unido a unha supervisión axeitada e mecanismos de rendición de contas.  

Nenos recrutados no conflito

En 2011, 316 nenos menores de 18 anos foron presuntamente recrutados no conflito en Afganistán. A maioría dos casos foron atribuídos a grupos armados da oposición. Os nenos utilizáronse para levar a cabo ataques suicidas, para colocar artefactos explosivos e para transportar materiais aos grupos armados.UNICEF fai un chamamento a todos os grupos armados da oposición para que deteñan o recrutamento dos menores de 18 anos e fai un chamamento ao Goberno de Afganistán para garantir a aplicación do Plan de Acción para deter e previr o recrutamento de menores nas Forzas de Seguridade Nacional de Afganistán.