Tifón en Filipinas: "Sabemos que os ollos do mundo están sobre nós"

Post de Diana Valcárcel, responsable de comunicación en emerxencias de UNICEF España
 

Levo só 4 horas en Tacloban, pero son tantas as escenas impactantes que teño visto que parecen días, semanas ou meses.


Ao aterrar no aeroporto un decátase rapidamente do nivel de destrución. As palmeiras que o rodean están como queimadas por unha sorte de maldición. Hai edificios derrubados, entullos, lixo e moitas miradas de dor.


"Foron non máis de 20 minutos, o suficiente para deixar todo neste estado", dicíame hai un anaco Dorcas Mejías no concello de Tanauan, unha pequena veciñanza aos arredores de Tacloban. Este edificio medio derruído converteuse nun centro de saúde improvisado ao día seguinte do tifón.


Dorcas veu voluntariamente e por iniciativa propia a dar apoio psicolóxico e ánimo aos afectados polo tifón Haiyan/Yolanda. "Non" teño "nada material que achegar porque eu tamén o perdín todo, pero a xente necesita palabras de alento". Coñecina mentres estaba a animar a Rose, a nai dun neno prematuro. Rose non aparta a mirada do seu bebé, temendo perdelo tras cada respiración.

 

Axuda a Flipinas: van chegando as cousas pouco a pouco

"Á xente dígolle que temos que seguir adiante, ser fortes, que o peor xa pasou,". Pregúntolle se se sentiron apoiados pola comunidade internacional. "Si, sabemos que os ollos do mundo están postos sobre nós, que non nos ides fallar. Os primeiros días estabamos desesperados, non tiñamos comida, auga, non tiñamos acubillo. Pero uns días despois empezou a chegar a axuda. Agora temos auga, van chegando as cousas pouco a pouco".


O aniversario de Dorcas foi o día despois do terremoto. "Foi o aniversario máis feliz da miña vida. Estou viva! ".


Esta muller é un auténtico exemplo de solidariedade, compaixón e ánimo para todos os seus veciños. Como tantas persoas que dende distintas partes do mundo demostraron a súa solidariedade con Filipinas e que están a facer posibles que a axuda chegue aos afectados.
Dorcas é profesora, pero como as escolas foron destruídas non pode dar clase. Non podía quedar de brazos cruzados, a xente está moi necesitada".

A magnitude da destrución promete que esta carreira vai ser de fondo, que se vai seguir necesitando axuda de xeito sostido. Hai vidas que penden dun fío, como a do pequeno bebé prematuro, pero este é só un entre miles de casos, miles de vidas necesitadas de apoio e ánimo.

 

UNICEF instalará proximamente en Tacloban carpas para bebés. Son espazos onde as nais poderán aleitar os seus fillos nun lugar tranquilo, recibir consellos médicos e nutricionais. Necesítanse urxentemente para que ningún neno morra. Esa é a nosa prioridade: que os nenos que sobreviviron a esta traxedia saian adiante e un día poidan recordalo como un mal sono.