O milagre do doutor Coca: a supervivencia infantil en Bolivia

Por Blanca Carazo, Responsable de Proxectos de Cooperación de UNICEF España

Post publicado no blog 3500 Millóns de El País

Para chegar a Ucumasi, no altiplano boliviano, fan falta case 4 horas de viaxe dende Oruro, a capital do departamento, por camiños que se volven intransitables en canto chove varios días seguidos. En Oruro, por certo, está o hospital máis próximo onde pode atenderse unha urxencia que requira cirurxía, incluíndo unha cesárea.

Vestido con vaqueiros e unha camiseta amarela, e sorrindo sempre, o Dr. José Coca Paniagua, Director do centro de saúde de Ucumasi, mostra orgulloso as dependencias: o servizo de pediatría cheo de xoguetes, a farmacia escrupulosamente ordenada, a sala de partos perfectamente equipada, a consulta de medicina tradicional... E nas paredes, reflectida en gráficos e indicadores a toda cor unha historia de éxito: 0% de mortalidade neonatal (ata 28 días) e 0% de mortalidade infantil de menores de 1 anodende o ano 2009 ata agora. Dende hai catro anos, ningún neno morreu en Ucumasi por falta de atención médica axeitada. Nun país onde 42 (*) de cada mil nenos nacidos non chegan ao seu primeiro aniversario, e 23 deles nin sequera superan os 28 (*) días de vida, estes resultados poden cualificarse de milagrosos. Os programas e recursos asignados polo Goberno de Bolivia e a cooperación internacional, e aplicados polas redes de saúde rexionais lograron ampliar a cobertura dos servizos de saúde dunha forma sostible e reducir nun 46% a mortalidade infantil en Bolivia nos últimos 20 anos.O Dr. Coca, un home xovial e decidido de 38 anos, chegou aUcumasi hai 10 anos, recén graduado, porque "ninguén quería o posto". Nun armario estaban as pertenzas dos médicos anteriores que, tras uns días ou, como máximo dous ou tres meses, fóranse e nunca regresaran. "Ninguén viña ao hospital. Non tiñamos auga, nin enerxía eléctrica. Era moi duro" - di.Conseguir bos profesionais de saúde que traballen en zonas rurais é un reto aínda pendente para Bolivia, e unha condición indispensable para reducir as brechas no acceso á saúde; condicións duras, illamento e baixos salarios non o poñen doado.

"Eu tamén quixen irme", recoñece, " pero non me deixaron". Así que quedou. E transformou un pequeno dispensario esquecido do mundo na casa dos case 3.000 habitantes deUcumasi. Soubo gañar unhacomunidade escéptica e desconfiada, e logrou salvar moitas vidas e facer dos servizos de saúde algo accesible e desexable, adaptado ás necesidades da comunidade, e incorporando os coñecementos aimará tradicional. O Dr. Coca non estivo só neste cambio. O Programa de Apoio ao Sector Saúde, desenvolvido polo Servizo Departamental de Saúde de Oruro, a cooperación internacional e UNICEF permitiron ampliar o centro de acordo a un deseño decidido pola comunidade, adquirir equipamento de primeira calidade e recibir capacitación para ofrecer tratamento á maior parte dos problemas de saúde das familias de Ucumasi, evitando que teñan que desprazarse ata Oruro. En Ucumasi, a alegría, a vontade, o traballo e a confianza vencen cada día ás dificultades, o desánimo e a pobreza. En Ucumasi, cada nai, cada neno e cada nena teñen agora máis oportunidades que hai 10 anos de ter un desenvolvemento pleno e con saúde. En Bolivia, e en moitos outros lugares, a cooperación internacional, os gobernos, as comunidades, e persoas entusiastas e comprometidas como o Dr. Coca avanzan xuntos na loita contra a mortalidade infantil e na construción dun mundo mellor para a infancia.