"Cada gota de auga potable é unha gota de vida"

Post de Blanca Carazo, Responsable de Proxectos de Cooperación de UNICEF España

Este ano 2012 o lema do Día Mundial da Auga foi "Auga e seguridade alimentaria". A poucos meses de que a crise nutricional sacudise o Corno de África, e con toda unha serie de accións en marcha para previr e paliar o impacto nos máis pequenos da seca no Sahel, este lema ten todo o sentido do mundo.

Existeseguridade alimentaria cando as persoas teñen acceso físico e económico a alimentos suficientes, nutritivos e seguros que cubran as súas necesidades para levar unha vida activa e saudable. E está demostrado que ter acceso á auga reduce o risco de sufrir desnutrición.Este vínculo entre dispoñibilidade de auga e vulnerabilidade ante a desnutrición é aínda máis forte en zonas onde a poboación depende da agricultura para alimentarse e como fonte de ingresos. Por iso, se ben non se pode evitar a seca, si se poden desenvolver programas que faciliten a máis persoas, e a máis nenos, o acceso á auga, e, desa forma, aumentar as súas capacidades para enfrontar situacións adversas (iso tan raro chamado resiliencia). Por iso, en Malí, en Níxer, en Chad, en Burkina; ante a situación de crise nutricional, UNICEF, ao mesmo tempo que reforza o sistema de saúde para atender os casos de desnutrición, continúa desenvolvendo os seus programas deAuga, Saneamento e Hixiene. Porque un neno que ten auga potable é un neno máis san e menos vulnerable á desnutrición. Porque, aínda que sexa un tópico, cada gota de auga segura é unha gota de vida.