Progreso para la infancia 6 (Progreso para a infancia 6)

 

Dende o ano 2004, a serie Progreso para a Infancia publicou importantes datos e análises sobre os avances do mundo cara ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. O labor de seguimento de UNICEF e os seus aliados revela notables progresos. Por primeira vez, o número de mortes de nenos menores de cinco anos a escala mundial foi inferior a 10 millóns; de feito, baixou a 9,7 millóns, o que representa unha diminución do 60% na taxa de mortalidade de menores de cinco anos desde 1960.

A presente edición de Progreso para a Infancia contén datos sobre estas e outras metas de interese para a infancia trazadas por dirixentes mundiais durante a Sesión Especial da Asemblea Xeral das Nacións Unidas en favor da Infancia, en maio de 2002, e que se plasmaron no seu documento final: Un mundo apropiado para os nenos.

Esta edición tamén ofrece ampla información sobre indicadores tales como a inscrición dos nacementos, o traballo infantil, a ablación ou mutilación xenital de nenas e mulleres, o matrimonio precoz e os nenos afectados pola guerra, co que proporciona unha visión global do estado da protección da nenez. Igualmente revela que o número de nenos e nenas en idade de asistir á escola primaria que non están matriculados baixou de 115 millóns en 2002 (cando se levou a cabo a Sesión Especial) a 93 millóns en 2005-2006, e que novos datos indican que segue a haber un descenso na prevalencia do VIH nalgúns países de África subsahariana, aínda que estas tendencias non están inda xeneralizadas ou non son o suficientemente firmes como para reverter a situación.