UNICEF únese ao chamamento urxente do PMA para retomar a axuda alimentaria a 1,7 millóns de refuxiados sirios

UNICEF únese ao chamamento de apoio urxente ao Programa Mundial de Alimentos (PMA) despois de que a axencia da ONU se vise forzada a suspender a axuda alimentaria para 1,7 millóns de sirios vulnerables na rexión.

As familias corren o risco de caer na miseria e moitos nenos poderían verse obrigados a traballar para contribuír aos ingresos familiares cos que adquirir alimentos básicos. Isto, á súa vez, podería desembocar nun maior abandono escolar. E, ademais, a suspensión da axuda alimentaria contribuirá á crecente sensación de desespero, particularmente entre os nenos, as nais en período de lactación, as persoas con minusvalidez e os maiores.

"Os nenos sirios e as súas familias están a pagar un prezo moi alto como resultado da actual crise", dixo Maria Calivis, directora rexional de UNICEF para Oriente Medio e Norte de África. "Mentres se achega o inverno, a falta de financiamento para alimentos terá un impacto desvastador sobre eles".

Se chega financiamento, o PMA poderá continuar a axuda para os nenos sirios a través dun sistema de cupóns que permita ás familias comprar comida nos mercados locais.

UNICEF fai un chamamento urxente aos países doadores para cubrir as necesidades críticas dos nenos sirios e as súas familias, así como para evitar un desastre inminente.

Para máis información sobre as necesidades actuais e a resposta rexional de UNICEF
 fronte ao inverno dos nenos sirios: http://childrenofsyria.info/winter/

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.

Más información:

Raquel Fernández

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]