UNICEF traballa xunto aos seus aliados para frear o brote de cólera na República Centroafricana

Polo menos 16 persoas morreron no primeiro brote de cólera que afecta á República Centroafricana desde o ano 2011. O brote foi declarado polas autoridades nacionais, o 10 de agosto. Rexistráronse 66 casos, polo menos sete deles en nenos, ao longo do río Oubangui.

"Os nenos pequenos, especialmente os menores de cinco anos, son particularmente vulnerables a esta enfermidade mortal", dixo Mohammed Malick Fall, representante de UNICEF na República Centroafricana. "Temos que actuar con rapidez para garantir que esta enfermidade, facilmente prevenible, non leve por diante máis vidas".
 
O cólera é unha doenza diarreica aguda causada pola inxestión de alimentos ou auga que foi contaminada pola bacteria Vibrio cholerae, que se atopa na materia fecal.
 
O brote comezou en Djoukou, no distrito de Kemo, unha zona de difícil acceso situada a uns 100 quilómetros río arriba da capital, Bangui. As comunidades nesta zona teñen pouco ou ningún acceso a auga potable e utilizan o río Ubangui como a súa principal fonte deste elemento. O acceso por estrada a algunhas destas zonas é moi difícil se non imposible. As persoas afectadas que viaxan en embarcacións sobrecargadas favoreceron a expansión da bacteria río abaixo.
 
En colaboración co Ministerio de Saúde e os seus aliados, UNICEF está a proporcionar medicamentos, auga potable, tabletas de purificación de auga e kits de hixiene ás comunidades afectadas.
 
Ademais, voluntarios das comunidades nas zonas afectadas están a formar aos seus concidadáns para que coñezan e apliquen medidas de prevención como só beber auga potable, lavarse as mans con xabón, comer os alimentos cociñados e evitar a defecación ao aire libre. A mobilización comunitaria é clave para previr a propagación da enfermidade xa que a maioría dos pobos afectados non teñen acceso a electricidade ou rede telefónica.

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.  

Más información:

Para máis información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]