UNICEF manifesta a súa preocupación pola saúde dos nenos migrantes e refuxiados en Europa este inverno

Os nenos que chegan ao sueste de Europa e atópanse cun duro inverno están fisicamente exhaustos, con medo, angustiados e a miúdo necesitan asistencia médica.

As temperaturas baixo cero e a presenza de xeo e neve están a empeorar o xa de seu mal estado físico dos nenos, xa que moitos deles non teñen roupa de abrigo ou acceso a unha alimentación adecuada á súa idade. Esta situación vese agravada pola falta de acubillo e por unha calefacción insuficiente nalgúns centros de acollida, así como en autobuses e trens.
 
Para UNICEF este tema é urxente, xa que a proporción de nenos entre as persoas migrantes e refuxiadas -máis de 1 de cada 3- continúa aumentando. Segundo fontes nacionais, na antiga República Iugoslava de Macedonia os nenos constituían un 37% en decembro, fronte ao 23% de setembro; en Serbia, en decembro, o 36% das persoas refuxiadas eran nenos, en comparación co 27% de setembro. A maioría dos nenos que pasaron en decembro polos espazos amigos da infancia de UNICEF en Serbia eran nenos pequenos, incluíndo bebés e nenos menores de 5 anos, e entre 5 e 9 anos.
 
En 2015, máis de 1 millón de persoas refuxiadas e migrantes cruzaron o Mediterráneo e chegaron ás costas de Europa; calcúlase que 253.700 -ou 1 de cada 4- eran nenos. 
 
A coordinadora especial para a Crise de Refuxiados e Migrantes en Europa, Marie-Pierre Poirier, dixo que os nenos son particularmente propensos ás infeccións respiratorias, problemas dixestivos e diarrea. A falta de lactación materna tamén pode afectar seriamente a saúde dos bebés.
 
UNICEF advirte de que o intercambio de información transfronteirizo e o seguimento dos nenos máis vulnerables seguen sendo insuficientes, sobre todo debido á velocidade dos movementos da poboación.
 
Poirier dixo que UNICEF está a comprometerse cos seus aliados e contrapartes para desenvolver plans de continxencia que garantan unha atención eficaz a todas as persoas en ruta, evitando que queden desprotexidas no camiño.  
 
No últimos tres meses, UNICEF e os seus aliados ofreceron apoio a 81.000 nenos a través dos espazos amigos da infancia -acondicionados para soportar as condicións invernais- na antiga República Iugoslava de Macedonia, Serbia e Croacia. Ademais, preto de 18.000 bebés e nenos pequenos recibiron servizos especializados a través dos espazos de UNICEF para o coidado de nais e bebés.
 
No último mes UNICEF distribuíu 13.500 artigos de roupa de abrigo, mantas, cambiadores e mochilas portabebés. En Croacia, 6.000 nenos recibiron roupa para o inverno, do mesmo xeito que na antiga República Iugoslava de Macedonia, mentres que en Serbia, preto de 8.000 nenos recibiron artigos esenciais de inverno.
 
No mesmo período:
  • Na antiga República Iugoslava de Macedonia foron atendidas 11.651 mulleres, das cales 803 estaban embarazadas. 394 mulleres e 495 nenos foron derivados aos servizos de saúde na segunda metade de decembro.
  • En Serbia, 2.802 bebés foron aleitados e/ou recibiron alimentos apropiados para a súa idade, 1.508 nais recibiron apoio e orientación sobre nutrición e saúde infantil.
  • En Croacia, máis de 1.200 bebés e nenos pequenos foron atendidos nos espazos para nais e bebés, e 352 nais recibiron apoio para a lactación materna. 

Para acceder a fotos e vídeos:

ftp://video.unicef.es/crisis_mediterraneo/fotosinvierno

Usuario: Refcom

Contrasinal: uce442087

Más información:

Christophe Boulierac, UNICEF Geneva, +41 79 963 9244, [email protected]

Kristen Elsby, UNICEF Geneva, +41 79 938 8273, [email protected]

Sarah Crowe, UNICEF New York, +1 646 209-1590, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]