UNICEF céntrase na eliminación do matrimonio infantil no Día Internacional da Nena

'A miña vida, o meu dereito, elimina o matrimonio infantil'

Con motivo do primeiro Día Internacional da Nena, UNICEF e os seus aliados destacan os esforzos conxuntos realizados para erradicar o matrimonio infantil, unha violación dos dereitos humanos fundamentais que afecta a todos os aspectos da vida dunha nena.  

"O Día Internacional da Nena pon de manifesto a necesidade de colocar os dereitos das nenas no centro do desenvolvemento", dixo Anju Malhotra, Responsable da Sección de Xénero e Dereitos de UNICEF. "Nacións Unidas e os seus aliados únense para mostrar os incribles progresos realizados e poñer de relevo os retos actuais" engadiu. Baixo o lema 'A miña vida, o meu dereito, elimina o matrimonio infantil', levaranse a cabo en todo o mundo unha serie de eventos e accións destinados a chamar a atención sobre esta cuestión de grande importancia. Na sede da ONU en Nova York, o arcebispo Desmond Tutu, xunto a UNICEF, UNFPA e ONU Mulleres, participará nun debate acerca das formas nas que gobernos, sociedade civil, axencias da ONU e o sector privado poden unirse para acelerar a redución do matrimonio infantil. En Malawi, celebrarase un debate parlamentario sobre esta temática e en Uganda os mozos utilizarán mensaxes de texto para dialogar abertamente. En colaboración con gobernos, sociedade civil e axencias, fondos e programas da ONU, UNICEF está a sentar as bases para poñer fin ao matrimonio infantil en todo o mundo. En 2011, 34 oficinas da organización puxeron en marcha iniciativas centradas na erradicación do matrimonio infantil a través de medidas que incentiven un cambio social e económico, así como unha reforma legal nos países.  

En India, un dos países do mundo con maior número de nenas que casan antes de cumprir 18 anos, o matrimonio infantil diminuíu a nivel nacional, caendo en case todos os estados dun 54% (1992-1993) a un 43% (2007-2008), aínda que o ritmo de diminución é lento. Nese país, UNICEF impulsou a aprobación da Lei de prohibición do matrimonio infantil de 2006, e dende entón apoiou o desenvolvemento e posta en marcha dunha estratexia nacional sobre esta temática, que ten como obxectivo coordinar os programas e políticas para abordar tanto as causas coma as consecuencias do matrimonio infantil.UNICEF participou no desenvolvemento, de xeito individualizado, dos plans de acción levados a cabo en cada estado e apoiou a creación de clubs de nenas e outros colectivos, que recibiron información sobre dereitos de infancia e recibiron adestramento para traballar con comunidades co fin de fomentar a eliminación do matrimonio infantil. A experiencia demostra que en contextos tan diversos como Bangla Desh, Burkina Faso, Djibouti, Etiopía, India, Níxer, Senegal e Somalia, a combinación de medidas legais e o apoio ás comunidades con medidas alternativas, especialmente en materia educativa, ofrece resultados positivos, permitindo ás comunidades dialogar e tomar decisións de xeito colectivo para poñer fin ao matrimonio infantil.

"O matrimonio infantil a miúdo pode provocar o fin da etapa educativa da nena. Nas comunidades onde prevalece esta práctica, casar cunha nena forma parte dun conxunto de normas sociais e actitudes que reflicten o escaso valor outorgado aos dereitos humanos das nenas ", dixo Anju Malhotra. A educación é unha das estratexias máis eficaces que existen para protexer os nenos contra o matrimonio. Cando as nenas son capaces de permanecer na escola tamén pódese producir un cambio de actitude con respecto ás súas oportunidades na comunidade. A proporción de nenas casadas diminuíu nos últimos 30 anos, pero o matrimonio infantil persiste en taxas elevadas en varias rexións do mundo, particularmente nas zonas rurais e entre os máis pobres. Algunhas das nenas que se casaron pertencen aos grupos máis marxinados e vulnerables da sociedade. Estas nenas adoitan estar illadas, afastadas dos seus familiares máis próximos, fóra da escola e sen poder interactuar cos seus pares e as súas comunidades. As estadísticas máis recentes de UNICEF indican que aproximadamente 70 millóns de mulleres novas de 20 a 24 anos, case 1 de cada 3, casaron antes dos 18 anos. Destas, 23 millóns casáronse antes de cumprir os 15. No mundo, case 400 millóns de mulleres de entre 20 a 49 anos, máis do 40 por cento, casaron cando eran nenas. O matrimonio infantil expón as nenas a embarazos precoces e non desexados, o que representa un risco con consecuencias que poden ser mesmo mortais. As mortes maternas relacionadas co embarazo e o parto son un compoñente importante da mortalidade de nenas de entre 15 e 19 anos en todo o mundo, o que representa unhas 50.000 mortes cada ano. Por outra parte, as rapazas de entre 10 e 14 anos de idade teñen cinco veces máis probabilidades que as mulleres de 20 a 24 de morrer durante o embarazo e o parto. "A través de compromisos globais, a acción da sociedade civil, as lexislacións e as iniciativas individuais, as nenas poderán crecer nun ambiente seguro e produtivo", dixo Malhotra. "Debemos acelerar os progresos e dedicar recursos para que as nenas poidan reclamar os seus dereitos e alcanzar o seu máximo potencial".

Más información:

Dailo Allí, UNICEF España,

Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55:

[email protected]