UNICEF axuda a recuperar a vacinación contra o sarampelo nos países afectados polo ébola

Os casos de sarampelo aumentaron na rexión e os sistemas de saúde están desbordados poñendo miles de nenos en risco de sufrir enfermidades mortais

UNICEF está a axudar aos gobernos e as comunidades a volver poñer en marcha a vacinación contra o sarampelo despois dun aumento dos casos nos países afectados polo ébola, onde os sistemas de saúde están desbordados e decenas de miles de nenos permanecen expostos a diversas enfermidades mortais.

"O sarampelo é unha importante causa de mortalidade infantil que se pode deter doadamente cunha vacina segura e efectiva", dixo Manuel Fontaine, Director Rexional de UNICEF para África Occidental e Central. "Pero as taxas de inmunización reducíronse considerablemente, ameazando aínda máis as vidas dos nenos".

En Guinea, onde se declarou un brote de sarampelo a principios de 2014 -antes do ébola- o número de casos confirmados de sarampelo case cuadriplicouse, de 59 entre xaneiro e decembro de 2013 a 215 no mesmo período en 2014, segundo a OMS. En Serra Leoa, a cifra triplicouse de 13 a 39 no mesmo período.

En Liberia, onde non se rexistrara ningún caso de sarampelo en 2013, confirmáronse catro casos no condado de Lofa, unha das zonas máis afectadas polo ébola.

O aumento dos casos de sarampelo -unha enfermidade altamente contaxiosa- é motivo de especial preocupación, debido a que unha diminución das taxas de cobertura da inmunización deixou aos nenos vulnerables nunhas datas, entre decembro e marzo, na que o ritmo de transmisión do sarampelo é tradicionalmente elevado en África occidental.

Os sistemas de saúde están desbordados polos esforzos para encarar a crise do ébola
, e a poboación está a evitar os centros de saúde por temor a contraer o virus. Como resultado, os primeiros datos mostran claramente que en 2014 as taxas de cobertura da vacina se reduciron considerablemente.

En Liberia, por exemplo, os datos do goberno mostran que a cobertura mensual de inmunización contra o sarampelo en comparación co obxectivo marcado, se reduciu dun 71% en maio de 2014 a un 55% en outubro, segundo as cifras, que figuran nos informes proporcionados só polo 50% dos centros de saúde.

Aínda que as campañas de vacinación que implican a concentración dun gran número de persoas están suspendidas, UNICEF e os seus aliados están a intensificar os labores de vacinación sistemática, coidadosamente supervisados, para reducir rapidamente o número de nenos que non están vacinados.

En Guinea, UNICEF brinda apoio ás actividades dirixidas a intensificar a vacinación sistemática, cuxa fase inicial, a finais de novembro e principios de decembro de 2014, abrangueu as comunidades que non rexistraran ningún caso de ébola durante 42 días.

En resposta aos casos de Liberia, UNICEF, o Ministerio de Saúde e outros asociados, entre eles a OMS, están a levar a cabo a intensificación periódica da inmunización sistemática para vacinar os nenos menores de 5 anos e proporcionarlles suplementos de vitamina A. Este labor xa finalizouse en oito condados, está en marcha noutros catro, e está programado para comezar nos tres restantes.

Mentres os vacinadores levan a cabo a tarefa de proporcionar vacinas que salvan vidas -e que en moitos casos se debían ter administrado hai tempo- tamén contribúen na loita contra o brote do ébola. De conformidade cos procedementos de control e prevención de infeccións e coas directrices da OMS en materia de inmunización no contexto dun brote de ébolaUNICEF está a proporcionar non só vacinas, senón tamén caixas de primeiros auxilios que inclúen luvas e termómetros infravermellos para vacinadores. Os vacinadores están a ser formados na prevención de infeccións e a aplicación de medidas de control, a supervisión durante as actividades de inmunización e sobre a forma de levar a cabo sesións de divulgación nas zonas onde non se rexistraron casos de ébola dende hai 42 días.

Romper o ciclo de transmisión do ébola e mellorar os servizos de saúde,
incluíndo as vacinas, deben ir da man co obxectivo de derrotar ao virus e previr mortes infantís a grande escala.

UNICEF está a desempeñar un papel importante na resposta mediante a promoción de comportamentos que poidan axudar a deter a transmisión; a creación de centros de atención comunitaria, onde os pacientes poden recibir apoio das súas familias e comunidades e contan cun sistema de referencia para os casos complicados; e a distribución de subministracións esenciais. Tamén está a axudar a formar os traballadores de saúde comunitarios, ao tempo que ofrece apoio psicosocial aos nenos afectados polo ébola e garante o acceso aos sistemas de auga potable e de eliminación de residuos, que son esenciais para a prevención de novas infeccións.

"O mellor xeito en que podemos axudar os nenos é detendo o ébola, ao mesmo tempo que fortalecemos os sistemas de saúde", dixo Fontaine. "Necesitamos restaurar a fe no sistema de saúde e ofrecer ás comunidades oportunidades sistemáticas para que os seus fillos reciban as vacinas que necesitan para manterse saudables".

"Os vacinadores e outros traballadores da saúde que están na primeira liña necesitan sentirse protexidos para poder realizar intervencións que salven vidas no contexto do ébola", agregou Fontaine
.

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.

Más información:

Thierry Delvigne-Jean, UNICEF Dakar, +221 33 869 5862, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]