UNICEF abre dez centros comunitarios de atención a enfermos de ébola en Bombali, Serra Leoa

Os centros ofrecerán atención aos pacientes a nivel comunitario

Dez novos centros comunitarios de atención a pacientes de ébola abrirán as súas portas esta semana na rexión serraleonesa de Bombali, como parte dun novo impulso por levar o tratamento contra o ébola máis preto das comunidades.

Os centros levantados por UNICEF, habilitados en tendas de campaña, supoñerán un incremento do número de camas en Bombali, unha das rexións máis castigadas polo actual brote de ébola que matou máis de 1.000 persoas en Serra Leoa dende maio.

"Estes centros de 8 camas permitirán aos enfermos de ébola permanecer illados nas súas propias comunidades, nun lugar onde poden recibir os coidados básicos, medicinas gratuítas, auga potable e saneamento, así como alimentos" dixo Roeland Monasch, representante de UNICEF en Serra Leoa.

Os centros serán xestionados polo goberno de Serra Leoa a través do seu equipo de xestión sanitaria do distrito, co apoio da ONG local World Hope International que proporcionará formación, seguimento e mobilización social. Contarán con persoal sanitario capacitado e equipado con material de protección individual.

Estes centros chegan despois dunha serie de consultas coas autoridades locais e líderes tradicionais para asegurar que se converten nunha parte integrada e aceptada polas comunidades locais. Ademais de proporcionar atención básica e illamento, tamén servirán como puntos focais para enterros seguros e dignos, así como para actividades que buscan sensibilizar ás comunidades.

UNICEF proporciona as tendas, lonas e materiais de construción para levantar os centros, ademais das subministracións diarias necesarias para manter os traballadores a salvo do contaxio e proporcionar tratamento de apoio aos pacientes. O financiamento procede do departamento de cooperación internacional de Reino Unido.

UNICEF ten previsto abrir outros 30 centros máis en rexións próximas nas próximas semanas.

Para descargar fotos e vídeos de países afectados por ébola: http://uni.cf/1xZAb39

###

Nota para a redacción:

Esta semana en Copenhaguen, unha consulta liderada por UNICEF con aliados e a industria do material de protección individual, supuxo un gran paso no prognóstico da cantidade de material de protección fronte ao ébola que se necesitará nos próximos meses. Como mínimo, identificouse unha brecha do 30% e, polo tanto, necesítase un aumento na produción mundial de xeito urxente antes de final de ano.

Acerca de UNICEF

En UNICEF promovemos os dereitos e o benestar de todos os nenos, nenas e adolescentes en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas que beneficien a todos os nenos, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos máis vulnerables e excluídos, en todo o mundo.

Más información:

Raquel Fernández, UNICEF España, [email protected] +34 609 160 051