Un novo instrumento xurídico reforza o dereito dos nenos a que os escoiten

UNICEF uniuse hoxe aos defensores dos dereitos do neno en todo o mundo para celebrar a noticia de que os nenos pronto poderán presentar denuncias ante o Comité sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas, asegurando así o seu dereito a que se lles escoite.

O Terceiro Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno relativo a un Procedemento de comunicacións protexe expresamente o dereito dos nenos a buscar reparación ás violacións dos seus dereitos. Coa ratificación realizada hoxe por Costa Rica, este instrumento xurídico fundamental entrará en vigor en abril de 2014. Segundo o protocolo ratificado recentemente, os nenos poderán, como individuos ou en grupo, presentar denuncias sobre violacións específicas aos seus dereitos en virtude da Convención sobre os Dereitos do Neno, o Protocolo Facultativo relativo aos nenos nos conflitos armados e o Protocolo facultativo relativo á venda de nenos, a prostitución infantil e a utilización de nenos na pornografía. O Terceiro Protocolo Facultativo fortalecerá a rendición de contas, non só ao axudar a determinar as lagoas nos sistemas xudiciais relativos aos nenos a nivel nacional, senón tamén ao apoiar as institucións independentes de dereitos humanos da infancia, como se pide na Convención sobre os Dereitos do Neno. Esta Convención, que entrou en vigor en 1989, é o tratado de dereitos humanos máis amplamente ratificado da historia, e reflicte un consenso entre os gobernos do mundo de que hai certas normas mínimas das cales todos os nenos deben gozar. O Comité das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno afirmou que: "Para que os dereitos cobren sentido, débese dispoñer de recursos efectivos para reparar as súas violacións". O Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno relativo a un procedemento de comunicacións é un mecanismo esencial para lograr este obxectivo.

No marco do novo Protocolo, só aqueles nenos cuxos gobernos ratificasen o Protocolo Facultativo relativo a un procedemento de comunicacións poden presentar as súas queixas ante o Comité da Convención. Todos os Estados Partes na Convención sobre os Dereitos do Neno e os seus tres protocolos facultativos teñen a obriga de facilitar que estes mecanismos estean dispoñibles para todos os nenos, e realizar un especial esforzo para incluír os nenos máis vulnerables ás violacións dos dereitos, en especial nenos excluídos e marxinados como son os nenos con minusvalidez, os nenos indíxenas e os nenos das minorías. O Comité dos Dereitos do Neno poderá tomar medidas para protexer os nenos que presenten denuncias contra calquera posible represalia, solicitando ao Estado que adopte medidas provisionais para protexer o neno ou grupo de nenos. No caso de que se chegue á conclusión de que o Estado violou a Convención, o Estado estará obrigado a aplicar as recomendacións que realizou o Comité. O Comité dos Dereitos do Neno está integrado por 18 expertos independentes de dereitos humanos internacionais que supervisan a aplicación polos Estados parte da Convención e os Protocolos Facultativos. Os países que ratificaron o Protocolo Facultativo ata a data son: Albania, Alemaña, Bolivia, Costa Rica, Gabón, Eslovaquia, España,Montenegro, Portugal e Thailandia.

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

Kate Donovan, Sede de UNICEF, Tel: + 1 212 326 7452, [email protected]