Ucraína: máis de 1.000 nenos en refuxios antiaéreos necesitan asistencia urxente
Máis de 1.000 nenos víronse forzados a protexerse en refuxios antiaéreos subterráneos na cidade de Donetsk, debido á incesante violencia no leste de Ucraína.
"Os nenos das zonas afectadas sufriron grandes niveis de estrés
debido ao continuo conflito", dixo Giovanna
Barberis,
representante de UNICEF en
Ucraína. "Os máis vulnerables son aqueles que se viron obrigados a
refuxiarse en sotos insalubres, fríos e cheos de xente, ademais de
en refuxios antiaéreos, os nenos que viven na rúa e aqueles que
proceden de familias pobres ou cuxos fogares se viron gravemente
danados".
Dende setembro, miles de persoas das zonas onde os enfrontamentos
son continuos, estiveron a pasar a maioría dos seus días e todas as
súas noites en polo menos 12 refuxios con acceso limitado ou sen
acceso a auga, hixiene e saneamento, ou comida,
segundo UNICEF.
Mentres o tamaño e as condicións dos refuxios varían, calcúlase
que, só na cidade de Donetsk,
1.000 nenos se protexen nestes refuxios durante os fortes
bombardeos.
"UNICEF recorda
a todas as partes do conflito en Ucraína que manteñan os nenos
afastados de situacións de risco" dixo Barberis.
"Ademais, instamos a comunidade internacional a actuar para
proporcionar aos miles de nenos afectados a asistencia básica que
necesitan".
UNICEF proporcionou
kits de hixiene a máis de 1.100 nenos e adultos que viven en
refuxios e sotos. No curto prazo, UNICEF comezará
a proporcionar kits de roupa de inverno polo menos a 10.000 nenos
vulnerables en zonas de conflito.
Dende marzo de 2014, máis de 1,5 millóns de persoas desprazáronse
dende as zonas de conflito, incluíndo case un millón de persoas en
Ucraína. Delas, máis de 130.000 son nenos.
En decembro de 2014, UNICEF pediu
apoio adicional de 32,4 millóns de dólares para incrementar a súa
resposta humanitaria para atender as necesidades urxentes de nenos
e familias nas zonas afectadas por conflitos en Ucraína. Ata agora,
recibíronse 10,16 millóns de dólares.
###
Para descargar material multimedia:
WeShare.unicef.org/MediaResources
Folder: Ukraine Crisis
Acerca de UNICEF
UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.