República Centroafricana: nenos atacados brutalmente nun violento fin de semana

Un grupo de nenos foi atacado deliberadamente durante o último estalido de violencia en República Centroafricana, no que preto de corenta persoas morreron e máis dun centenar resultaron feridas. Os feitos producíronse o pasado sábado na capital do país, Bangui.

Os informes preliminares das organizacións locais indican que tres nenos de 16 e 17 anos foron asasinados brutalmente, un deles decapitado; polo menos outros dous mozos e dúas nenas de entre 7 e 17 anos resultaron feridos por disparos ou fragmentos de granada nun violento enfrontamento entre grupos armados.
 
"Nada pode justificar o ataque deliberado contra os nenos", dixo Manuel Fontaine, director rexional de UNICEF para África Occidental e Central. "Estes atroces crimes contra nenos e nenas que quedan atrapados entre faccións enfrontadas deben parar, e quen os levan a cabo deben responder por iso".
 
UNICEF insta a todas as partes no conflito a respectar as súas obrigacións conforme ao dereito Internacional, e a deter os ataques a civís e a infraestruturas esenciais como escolas e instalacións sanitarias.
 
O conflito en República Centroafricana esnaquizou comunidades de todo o país, deixando ao seu paso destrución e provocando a caída dos servizos básicos. Segundo UNICEF, polo menos un neno foi asasinado ou mutilado cada día en 2014 e máis de 10.000 nenos foron recrutados por grupos armados. Só na primeira metade de 2015 informouse de 26 nenos mortos e 110 mutilados en enfrontamentos.  
 
É probable que esta última escalada de violencia empeore as condicións dos nenos do país, moitos dos cales xa están a sufrir a interrupción dos servizos sanitarios, niveis críticos de desnutrición infantil, escolas pechadas e recrutamento forzoso por parte de grupos armados.
 
UNICEF está a traballar cos seus aliados locais para protexer aos nenos da violencia proporcionándolles espazos seguros de aprendizaxe e apoio psicosocial para aqueles máis afectados. Tamén está en conversacións cos grupos armados para garantir a liberación de nenos e apoiarlles na súa reintegración nas súas comunidades cando sexa posible.
 
A pesar das tremendas necesidades, a resposta de UNICEF segue sufrindo un gran déficit de financiamento. Até agora cóntase con menos da metade dos 73,9 millóns de dólares (66 millóns de euros) que se necesitan. A crise en República Centroafricana é a que máis carece de fondos de todas as emerxencias nas que UNICEF está a traballar en todo o mundo. 

Más información:

Thierry Delvigne-Jean, Oficina Rexional de UNICEF, Dakar, +221 77 819 2300 [email protected]

Donaig Ledu, Bangui, UNICEF República Centroafricana (actualmente en París): + 33 681 42 09 05; [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]