Preto de 200 millóns de nenos sofren desnutrición crónica no mundo

20 DE NOVEMBRO, DÍA UNIVERSAL DO NENO. Mañá conmemórase o 22 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno e cúmprense catro meses da declaración de fame en Somalia

A desnutrición crónica mantén atrapados no círculo da pobreza a case 200 millóns de nenos no mundo, o que impide o desenvolvemento de cada un deses nenos, das comunidades nas que viven e dos seus países.

Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) perseguen a erradicación da pobreza extrema, a fame (ODM1), as enfermidades e a redución da mortalidade infantil (ODM 4) e, a pesar de que, por primeira en vez na historia, existen os recursos e o coñecemento suficientes para rematar coa fame e a pobreza, a desnutrición está asociada a un terzo das mortes de menores de cinco anos e a fame regresou ao Corno de África. Coincidindo co Día Universal do Neno, que cada 20 de novembro conmemora a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN), UNICEF España quere recordar que a nutrición, a saúde, a supervivencia e o desenvolvemento son dereitos humanos recollidos neste tratado internacional, que é o máis ratificado da historia. Actualmente no mundo prodúcense alimentos abondo para satisfacer as necesidades de toda a poboación. Polo tanto, como indicouKul C.Gautam, Director Executivo Adxunto deUNICEF, "a fame e a desnutrición non son consecuencias da falta de alimentos, senón tamén da pobreza, a desigualdade e os erros na orde das prioridades". UNICEF e outras axencias de Nacións Unidas traballan con comunidades e gobernos para atallar as causas estruturais que impiden acabar coa pobreza e a fame.

 
Emerxencia nutricional no Corno de África  
 
O pasado 20 de xullo a ONU declarou estado de fame en varias zonas do sur de Somalia, onde centos de nenos morreron por causas relacionadas coa desnutrición. Centos de miles seguen en risco. A emerxencia no Corno de África converteuse nunha crise de supervivencia infantil de dimensións masivas. A falta de alimentos produce desnutrición e os nenos con desnutrición son extremadamente vulnerables a enfermidades mortais como o sarampelo, a malaria, a diarrea e a pneumonía. As causas que están detrás desta emerxencia son o aumento do prezo dos alimentos, a peor seca da rexión en décadas e o conflito interno en Somalia. A solidariedade de miles de persoas, entidades públicas e privadas de moitos países consegue salvar miles de vidas, pero aínda hai lugares con graves dificultades de acceso para a axuda humanitaria. A resposta de UNICEF non deixou de aumentar a medida que as dimensións da emerxencia foron crecendo. Hai unhas semanas a organización abriu un almacén en Dubai para axilizar o transporte de subministracións a Somalia. Ata o momentoUNICEF distribuíu na rexión por aire, mar e terra máis de 14.000 toneladas de subministracións de primeira necesidade.

No centro e o sur de Somalia, onde o acceso das axencias humanitarias é limitado,UNICEF e os seus aliados conseguiron tratar 140.000 nenos con desnutrición en máis de 1.000 centros, e chegar a 600.000 persoas con alimentación suplementaria e a unhas 30.000 familias con alimentos cociñados no camiño cara aos campos de refuxiados de Kenya e Etiopía. Ademais, realizáronse campañas de vacinación e algunhas accións específicas baseadas no traballo coas comunidades, como o programa Red de Seguridade Produtiva e o programa de Extensión da Saúde en Etiopía, foron fundamentais na prevención de maiores taxas de mortalidade. As previsións para a tempada de chuvias, que xa comezou, reflicten que a seguridade alimentaria pode mellorar en Kenya e Etiopía. Non obstante, a experiencia demostra que a chuvia, despois dunha prolongada seca, incrementa o risco de inundacións e de brotes de enfermidades mortais como a cólera, a malaria e a pneumonía. Para atallar a incidencia destas e outras enfermidades, UNICEF e os seus aliados vacinaron 1,2 millóns de nenos contra o sarampelo e estanse a enviar kits de loita contra a cólera en zonas con grandes concentracións de persoas recén chegadas.

 
A Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN)
 
A CDN é o primeiro instrumento internacional que recoñece aos nenos como axentes sociais e como titulares activos dos seus propios dereitos. O texto foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e entrou en vigor o 2 de setembro de 1990. Os seus 54 artigos recollen os dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos de todos os nenos. A súa aplicación é de obrigado cumprimento para os gobernos, pero tamén define as obrigas e responsabilidades doutros axentes como os pais, profesores, profesionais da saúde, investigadores e os propios nenos e nenas. A CDN é o tratado internacional coa máis ampla ratificación da historia. Os países que a ratificaron, 193, teñen que render contas sobre o seu cumprimento ao Comité dos Dereitos do Neno. Trátase dun comité formado por 18 expertos no campo dos dereitos da infancia, procedentes de países e ordenamentos xurídicos diferentes. A Convención ten dous protocolos que a complementan: o protocolo relativo á venda de nenos e a prostitución infantil, e o protocolo relativo á participación dos nenos en conflitos armados.UNICEF ten o mandato de Nacións Unidas de velar polo cumprimento da Convención e todo o seu traballo se basea nela.

Más información:

 
 
Dailo Allí
Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55