A pesar dos avances en supervivencia infantil, un millón de nenos morre durante o seu primeiro día de vida, principalmente por causas evitables

As análises apuntan fallos no sistema sanitario durante o momento do parto como factor significativo que inflúe nestas mortes innecesarias

Os índices de supervivencia infantil aumentaron radicalmente dende 1990, período durante o cal o número absoluto de mortes de nenos menores de cinco anos se reduciu á metade, dende os 12,7 millóns aos 6,3 millóns, segundo un informe lanzado hoxe por UNICEF.

Este informe anual de 2014 O compromiso coa supervivencia infantil: Unha promesa renovada indica que os primeiros 28 días da vida dun recén nacido son os máis delicados, con case 2,8 millóns de bebés que morren cada ano neste intervalo de tempo. Un millón destes nenos nin sequera chega a ver o seu segundo día de vida. Moitas destas mortes poderían evitarse doadamente con intervencións simples e efectivas antes, durante e inmediatamente despois do nacemento. A análise apunta fallos no sistema sanitario durante o momento clave do parto como un factor significativo que contribúe a estas mortes innecesarias. Tamén mostra que hai unha diferenza considerable, entre países e entre ricos e pobres- na posta en marcha e a calidade dos servizos sanitarios dispoñibles para as mulleres embarazadas e os seus bebés. As principais conclusións deste estudo son:

  • Aproximadamente a metade das mulleres non recibe o mínimo recomendado de 4 visitas de atención prenatal durante o seu embarazo.
  • As complicacións relacionadas co parto son a causa de aproximadamente un cuarto de todas as mortes de neonatos a nivel mundial. En 2012, un de cada tres bebés (ao redor de 44 millóns) chegaron ao mundo sen a atención médica axeitada.
  • As probas demostran que comezar a lactación materna na primeira hora dende o nacemento reduce o risco de morte dos neonatos nun 44%, pero só menos da metade de todos os recén nacidos no mundo benefícianse da lactación inmediata.
  • A calidade dos coidados é extremadamente insuficiente mesmo para as nais e bebés que están en contacto co sistema sanitario.
  • Unha análise de UNICEF sobre 10 países con alta mortalidade indica que menos do 10% dos bebés que naceron con asistencia profesional recibiron os sete coidados postnatais necesarios, incluíndo a iniciación temperá á lactación. De forma similar, menos do 10% das mulleres que foron atendidas por persoal sanitario durante o embarazo, recibiron as oito intervencións prenatais básicas.
  • Aqueles países con algunhas das taxas máis altas de mortes neonatais tamén teñen unha baixa cobertura de coidados posparto para as nais. Etiopía (84.000 mortes; 7% de cobertura); Bangla Desh (77.000; 27%); Nixeria (262.000; 38%); Kenya (40.000; 42%).
  • As taxas de mortalidade en bebés nacidos de nais menores de 20 anos e maiores de 40 anos son máis altas.

Ademais, o informe mostra que o nivel educativo e a idade da nai teñen unha relevancia significativa nas probabilidades de supervivencia do seu fillo. As taxas de mortalidade dos fillos acabados de nacer de nais sen educación son case o dobre que as daquelas que recibiron educación secundaria e superior. "Os datos mostran de xeito claro que as probabilidades que un neno ten de sobrevivir aumentan radicalmente cando a súa nai ten acceso sostido a atención sanitaria durante o embarazo e o parto", dixoGeeta Rao Gupta, directora executiva adxunta de UNICEF. "Temos que asegurarnos de que, onde existan estes servizos, se utilicen plenamente, e que cada contacto entre a nai e o persoal sanitario teña un impacto real. Tamén hai que facer un esforzo especial para asegurar que se chega aos máis vulnerables". A desigualdade, particularmente no acceso a coidados sanitarios, segue sendo alta nos países menos desenvolvidos: as mulleres dos fogares máis ricos teñen tres veces máis probabilidades de ser atendidas por persoal sanitario durante o parto que as dos fogares máis pobres. A pesar disto, o informe suxire que a brecha de desigualdade na mortalidade de nenos menores de cinco anos se está a reducir de forma constante. En todas as rexións, menos en África subsahariana, a proporción de mortes en nenos menores de cinco anos entre os sectores máis pobres da sociedade está a descender máis rápido que nos máis ricos. E o que é máis significativo, a nivel mundial, as persoas con menos recursos están a experimentar maiores avances en supervivencia que os seus compatriotas máis ricos. "É realmente esperanzador que a brecha de desigualdade en materia de supervivencia infantil se estea a reducir continuamente", dixoRao Gupta. "Necesitamos aproveitar este momento e utilizalo para impulsar programas que centran os recursos nos fogares máis pobres e desfavorecidos; unha estratexia que ten o potencial de salvar o maior número de vidas de nenos".

Más información:

Belén Barbero, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]