Pacto Mundial, UNICEF e Save the Children presentan 10 Principios para que as empresas respecten os dereitos da infancia

Pacto Mundial, UNICEF e Save the Children presentaron hoxe os Dereitos de Infancia e Principios para Empresas, unha petición ao mundo empresarial para que aumente os seus esforzos no respecto e apoio dos dereitos dos nenos e nenas no ámbito laboral, nos mercados e na comunidade.

Cubrindo un amplo abano de temas clave - dende as peores formas de traballo infantil a prácticas de mercadotecnia ou publicidade, ou ao papel das empresas á hora de proporcionar axuda aos nenos e nenas afectados por emerxencias- os Principios piden ás empresas de todo o mundo que defendan os dereitos da infancia nas súas políticas empresariais e que tomen medidas para avanzar no ámbito destes dereitos. Os Principios conteñen un amplo abano de medidas, dirixidas ás empresas, para previr e xestionar impactos adversos relacionados coas súas actividades e relacións, e maximizar impactos positivos nas vidas dos nenos e nenas. Os Principios pretenden servir de referencia para actividades empresariais relacionadas coa infancia, e para promover a colaboración entre as múltiples partes interesadas. Son aplicables a calquera actividade empresarial, independentemente do seu tamaño, sector, localización, propiedade ou estrutura. "Pido a todos os líderes empresariais en todo o mundo que se adhiran ao espírito dos Principios", dixo o Secretario Xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-moon, nun comunicado en apoio dos Principios e os esforzos feitos polos implicados no seu desenvolvemento. O Secretario Xeral engadiu que "as empresas cada vez máis recoñecen a súa responsabilidade de respectar os dereitos dos membros máis novos da nosa sociedade. Ademais, moitas empresas están comprometidas cos nenos e nenas e traballan con gobernos e sociedade civil para avanzar nos dereitos da infancia. Cando a nenos e nenas se refire, todos debemos facer máis".

Os Principios buscan ademais informar outros actores da sociedade, particularmente gobernos e sociedade civil, nas súas relacións coas empresas. Gobernos a todos os niveis teñen o deber de protexer, respectar e cumprir cos dereitos dos nenos. Non obstante, todos os actores sociais, incluíndo empresas e sociedade civil, deben cumprir coas respectivas leis nacionais e estándares internacionais sobre dereitos de infancia. Os Principios están baseados nos resultados dunha consulta múltiple, na que participaron máis de 600 empresas, representantes da sociedade civil e nenos e nenas. Save the Children, Pacto Mundial e UNICEF ofrecen estes principios como un guía para todas as empresas nas súas interaccións con nenos e nenas.Dereitos da infancia e principios para empresas  

1. Cumprir coa súa responsabilidade de respectar os dereitos da infancia e comprometerse a apoiar os dereitos humanos dos nenos e nenas 2. Contribuír á eliminación das peores formas de traballo infantil en calquera tipo de negocio ou actividade empresarial 3. Ofrecer un traballo digno a mozos traballadores, pais e persoas que teñan nenos ou nenas ao seu cargo 4. Asegurar a protección e seguridade dos nenos e nenas en calquera actividade empresarial e nas instalacións da devandita actividade 5. Asegurar que os produtos e servizos sexan seguros e que apoien os dereitos dos nenos e nenas 6. Utilizar técnicas de mercadotecnia e publicidade que respecten e apoien os dereitos dos nenos e nenas 7. Respectar e apoiar os dereitos da infancia en relación co medio e a adquisición e o uso de terras 8. Respectar e apoiar os dereitos dos nenos e nenas no establecemento de medidas de seguridade 9. Axudar a protexer os nenos e nenas afectados por emerxencias 10. Reforzar os esforzos de gobernos e comunidades para protexer os dereitos dos nenos e nenas

Más información:

Raquel Fernández, UNICEF España, Directora de Comunicación, 665629760, [email protected]  

Noelia García, Red Española do Pacto Mundial de Naciones Unidas, 917452414, [email protected]

Mariluz García, Save the Children, Coordinadora de Prensa, 618272070, [email protected]