Os nenos sirios arriscan as súas vidas para ir ao colexio

Ao comezo do curso escolar en Siria, novos datos sinalan que hai máis de 1,7 millóns de nenos que non van ao colexio e 1,3 millóns en risco de abandonar os estudos.

A escalada de violencia, os desprazamentos, o aumento da pobreza e un sistema de educación desbordado e con poucos recursos seguen deixando fóra da escola aos nenos, negándolles o seu dereito á educación.

En todo o país, desgarrado pola guerra, unha de cada tres escolas permanece inutilizada. Isto é así ben porque sufriu danos, foi destruída, alberga persoas desprazadas ou está a ser utilizada con fins militares. Desde que comezou a guerra en 2011, rexistráronse máis de 4.000 ataques contra escolas.
 
"En Siria, os nenos arríscanse a morrer para ir á escola. Nas últimas dúas semanas, nove escolares de só cinco anos perderon a vida en dous ataques diferentes contra escolas ou nas proximidades das mesmas", dixo Hanaa Singer, representante de UNICEF en Siria. "A escola nunca debe ser unha trampa mortal, senón un lugar no que os nenos sentan protexidos e sexan capaces de aprender, crecer e desenvolver as súas habilidades".
 
En setembro deste ano, UNICEF e os seus aliados lanzaron unha campaña de volta ás aulas co obxectivo de chegar a 2,5 millóns de nenos -incluíndo os 200.000 que viven en lugares asediados e en zonas de difícil acceso- e proporcionarlles material escolar e libros de texto. Actualmente, máis de 1.200 voluntarios apoiados por UNICEF van porta por porta visitando a estes nenos que non poden ir ao colexio, ofrecéndolles formas alternativas de aprendizaxe.
 
O traballo de UNICEF cos seus aliados e o xeneroso apoio dos doantes en materia de educación están a dar os seus froitos. Unha recente avaliación reflicte a caída do número de nenos que non van á escola dos 2,1 millóns no curso 2014/15 a 1,7 millóns en 2015/16.
 
En palabras de Hanaa Singer, "é un avance importante, pero insuficiente. Necesitamos investir moito máis para que todos os nenos de Siria poidan volver á escola. Instamos as partes en conflito a que protexan aos nenos, as escolas e a todos os civís, en liña coas obrigacións que establece o dereito humanitario internacional".

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.  

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

 

www.unicef.es

Síguenos en  Facebook  Twitter Youtube Instagram