'Ocultos a plena luz', novo informe sobre o abuso físico, sexual e emocional contra os nenos

Anthony Lake, director executivo de UNICEF: "As probas que aparecen neste informe obrígannos a actuar, polo ben dos nenos como individuos e pola fortaleza futura das sociedades de todo o mundo,".

A maior compilación de datos realizada xamais sobre a violencia contra os nenos mostra o alcance impactante do abuso físico, sexual e emocional que sofren, e revela as actitudes que perpetúan e xustifican a violencia, manténdoa "oculta a plena luz" en todos os países e comunidades do mundo.

"Trátase de datos incómodos que ningún goberno nin ningún pai quererán ver", dixo o Director Executivo de UNICEF Anthony Lake. "Pero a menos que nos enfrontemos á realidade que cada unha destas exasperantes estatísticas representa -a vida dun neno ao que se lle priva o dereito a unha infancia segura e protexida- nunca imos cambiar a mentalidade de que a violencia contra os nenos é normal e admisible. Non é ningunha das dúas cousas". O informe de UNICEF Ocultos a plena luz baséase en datos de 190 países e documenta a violencia que se produce en lugares onde os nenos deberían estar seguros: as súas comunidades, as súas escolas e os seus fogares. Na publicación detállanse os efectos a longo prazo da violencia, que a miúdo se transmiten de xeración en xeración, e se chega á conclusión de que os nenos expostos teñen máis probabilidades de ser desempregados, de vivir na pobreza e de manter unha actitude violenta cara aos demais. Os autores sinalan que os datos proceden unicamente dos individuos que se prestaron a responder, e que polo tanto representan unha estimación mínima do problema.

As principais conclusións son:

  • Violencia sexual: Ao redor de 120 millóns de nenas menores de 20 anos en todo o mundo (ao redor de 1 de cada 10) experimentaron relacións sexuais pola forza ou outros actos sexuais forzados, e 1 de cada 3 nenas adolescentes de 15 a 19 anos que estiveron algunha vez casadas (84 millóns) foi vítima de violencia emocional, física ou sexual por parte do esposo ou compañeiro. A prevalencia da violencia por parte da parella é do 70% ou superior na República Democrática do Congo e Guinea Ecuatorial, e achégase ao 50%, ou supérao, en Uganda, a República Unida de Tanzanía e Zimbabwe. En Suíza, un estudo nacional de nenas e nenos de 15 a 17 anos realizado en 2009 encontrou que o 22% e o 8%, respectivamente, sufriran polo menos un incidente de violencia sexual con contacto físico. A forma máis común de violencia sexual para ambos os dous sexos foi a victimización a través de Internet.
  • Homicidio: Unha quinta parte das vítimas de homicidio en todo o mundo son nenos e adolescentes menores de 20 anos, o que representou preto de 95.000 mortes en 2012. O homicidio é a primeira causa de morte entre os homes de 10 a 19 anos en Panamá, Venezuela, El Salvador, Trindade e Tobago, Brasil, Guatemala e Colombia. En Nixeria prodúcese o maior número de homicidios infantís, 13.000. Entre os países de Europa Occidental e América do Norte, a taxa máis alta de homicidio prodúcese nos Estados Unidos.
  • Bullying: Algo máis de 1 de cada 3 estudantes de entre 13 e 15 anos en todo o mundo sofren actos de acoso escolar; en Samoa, a proporción é de case 3 de cada 4. Case unha terceira parte dos estudantes de 11 a 15 anos de Europa e América do Norte dixeron que intimidaran outros: en Letonia e Romanía, case 6 de cada 10 admitiron ter intimidado outros compañeiros.
  • Disciplina violenta: Ao redor dun 17% dos nenos de 58 países están suxeitos a formas graves de castigo físico (golpes na cabeza, as orellas ou a cara ou golpes duros e repetidos). Máis do 40% dos nenos de 2 a 14 anos sofre castigos físicos graves no Chad, Exipto e Iemen. A escala mundial, 3 de cada 10 adultos creen que o castigo físico é necesario para criar ben os nenos. En Swazilandia, o 82% dixo que o castigo físico era necesario.
  • Actitudes cara á violencia: Preto da metade de todas as adolescentes de 15 a 19 anos (ao redor de 126 millóns) cren que está xustificado que un marido golpee á súa esposa en determinadas circunstancias. A proporción elévase ao 80% ou máis no Afganistán, Guinea, Xordania, Mali e Timor-Leste. En 28 de 60 países con datos para ambos os dous sexos, unha maior proporción de nenas que de nenos creen que golpear unha muller está ás veces xustificado. En Cambodja, Mongolia, Paquistán, Rwandae Senegal, hai o dobre de posibilidades de que as nenas crean que ás veces está xustificado que o marido golpee á súa esposa, en comparación cos nenos. Datos de 30 países suxiren que ao redor de 7 de cada 10 nenas de 15 a 19 anos que foron vítimas de abuso físico e/ou sexual nunca buscaron axuda: moitas dixeron que non pensaban que se tratase de maltrato ou non o consideraban un problema.

UNICEF sinala seis estratexias para facilitar que a sociedade no seu conxunto, dende as familias ata os gobernos, evite e reduza a violencia contra os nenos. Entre elas cabe mencionar apoiar os pais e dotar os nenos de aptitudes para a vida; cambiar as actitudes; fortalecer os sistemas e servizos xudiciais, penais e sociais; e xerar probas e toma de conciencia sobre a violencia e os seus custos humanos e socioeconómicos, co fin de cambiar as actitudes e as normas. "A violencia contra os nenos prodúcese todos os días, en todas as partes. E ao mesmo tempo que prexudica aos nenos como individuos, tamén esgaza o tecido social, e socava a estabilidade e o progreso. Pero a violencia contra os nenos non é inevitable. Pódese evitar se nos negamos a deixar que siga permanecendo na sombra", dixoLake. "As probas que aparecen neste informe obrígannos a actuar, polo ben dos nenos como individuos e pola fortaleza futura das sociedades de todo o mundo. "

 Acerca da iniciativa  #ENDViolence:

UNICEF emprendeu a iniciativa o 31 de xullo de 2013 co fin de pedir unha acción colectiva para rematar coa violencia contra os nenos, destacando o feito de que a violencia se dá en todas as partes pero que non sempre é visible e que, en ocasións, hai normas sociais ou culturais que a toleran. Co lema "Fai visible o invisible", a iniciativa busca a concienciación como un paso para cambiar actitudes, comportamentos e políticas. A iniciativa tamén apoia os esforzos para compilar probas sobre as medidas que funcionan, e reforza a idea de que a violencia se pode previr se se destacan os esforzos e movementos que tiveron éxito en todos os niveis da sociedade. Ao redor de 70 países de cada rexión do mundo uníronse formalmente a #ENDviolence, reforzando con iso as actividades para identificar, localizar e denunciar a violencia contra nenos en calquera das súas formas.

Para obter máis información, visite: http://www.unicef.org/endviolence/

Podes descargar o informe no seguinte enlace:

ftp://video.unicef.es/informeviolencia

usuario: Refcom

contrasinal: uce442087

Más información:

Melanie Sharpe, UNICEF Nova York, Tel: +1 917 485 3344, [email protected]
Rita Ann Wallace, UNICEF Nova York, Tel.: 1 212 326-7586, Móvil: +1 917 213 4034, [email protected]

Raquel Fernández, UNICEF España, Tel: +34 91 378 85 99, Móvil: +34 665 629 760, [email protected]