O número de nenas casadas en África podería chegar a 310 millóns en 2050, máis do dobre da cifra actual

Se continúa a tendencia actual o número de nenas casadas en África podería alcanzar os 310 millóns en 2050, fronte aos 125 millóns que hai actualmente, segundo datos do informe de UNICEF presentado hoxe no Cume da Unión Africana sobre as Nenas celebrada en Lusaka, Zambia.

O informe estatístico de UNICEF, titulado A Profile of Child Marriage in Africa (A situación do matrimonio infantil en África), indica que a debilidade das taxas de redución, combinada co crecemento acelerado da poboación, é a principal causa do aumento proxectado. En todas as demais rexións do mundo, debido ás súas taxas actuais de redución e tendencias demográficas, haberá menos nenas casadas cada ano. En 2050 África superará a Asia meridional como a rexión co maior número de mulleres de 20 a 24 anos que casaron sendo nenas.
 
"O matrimonio infantil xera unha serie de normas que resultan cada vez máis difíciles de exterminar; normas que socavan o valor das nosas mulleres", dixo a presidenta da Comisión da Unión Africana, Nkosozana Dlamini Zuma. "A través dunha maior concienciación, xunto cun enfoque que implique a todos, será posible erradicar os efectos daniños do matrimonio infantil".
 
En África, a porcentaxe de mulleres novas que casaron cando eran nenas descendeu do 44% en 1990 ao 34% actual. Espérase que a poboación total de nenas aumente en África dos 275 millóns que hai hoxe a 465 millóns en 2050. Por iso é necesario adoptar medidas moito máis ambiciosas, xa que mesmo aínda que se duplicase a taxa actual de redución dos matrimonios infantís, o número de nenas casadas seguiría aumentando.
 
O progreso tamén foi profundamente desigual: a probabilidade de que unha nena do quintil máis pobre case durante a súa infancia é tan alta hoxe como o era hai 25 anos.
 
Cando as nenas casan, as súas perspectivas de levar unha vida saudable e exitosa diminúen drasticamente, e a miúdo xérase un ciclo de pobreza intergeneracional. As nenas casadas teñen menos probabilidades de terminar a escola e máis posibilidades de ser vítimas da violencia e de contraer o VIH/SIDA. Os nenos nados de nais adolescentes teñen un maior risco de nacer mortos, de morrer pouco despois de nacer e de ter baixo peso ao nacer. As nenas casadas adoitan carecer das habilidades necesarias para obter emprego.
 
A Unión Africana presentou en maio pasado unha campaña en todo o continente para pór fin ao matrimonio infantil. Posteriormente presentouse un plan de acción para os gobernos destinado a reducir as taxas de matrimonio infantil mediante un aumento do acceso das nenas á inscrición dos nacementos, a educación de calidade e os servizos de saúde reprodutiva; outra parte do plan consistía en fortalecer e facer cumprir as leis e políticas que protexen os dereitos das nenas e prohiben o matrimonio antes dos 18 anos.
 
"O número de nenas afectadas -e o que isto significa en termos de infancias perdidas e de futuros destruídos- subliña a urxencia de prohibir a práctica do matrimonio infantil dunha vez por todas", dixo o director executivo de UNICEF, Anthony Lake. "Os datos tamén indican claramente que pór fin ao matrimonio infantil require un enfoque máis orientado a chegar ás nenas máis pobres e marxinadas -aquelas que están máis necesitadas e en maior situación de risco- con servizos educativos e de protección de calidade. As súas vidas, e o futuro das súas comunidades, están en xogo. Cada nena casada é unha traxedia individual. Un aumento no seu número é intolerable".

Para descargar fotos e vídeos: http://UNI.cf/1NNwWBG

*Si queredes acceder ao informe, poñeos en contacto connosco.

Más información:

Patricia Nakell, UNICEF en Zambia + 27 79 4955938, [email protected]

Melanie Sharpe, UNICEF, Nova York, + 1 917 251 7670, [email protected]

Laurent Duvillier, UNICEF en Dakar, + 221 77 740 35 77, [email protected]

Patrick Slavin, UNICEF en Zambia, + 260 97 777 0616, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]