Novak Djokovic, novo Embaixador de Boa Vontade de UNICEF

UNICEF anunciou hoxe o nomeamento de Novak Djokovic como Embaixador de Boa Vontade da organización. O tenista, número un do mundo, xa demostrara o seu compromiso cos dereitos dos nenos máis vulnerables como embaixador de UNICEF Serbia e a través da súa propia Fundación Novak Djokovic.

Yoka Brandt, directora adxunta de UNICEF, deu o parabén aDjokovic por este nomeamento, que tivo lugar hoxe na sede de UNICEF en Nova York nun acto no que tamén estivo presente o presidente do Banco Mundial, Jim Kim.

"Novak Djokovic é un auténtico defensor dos nenos en todo o mundo", dixo Brandt. Demostrou que unha voz potente, xunto a accións potentes, poden marcar unha gran diferenza para os nenos, especialmente cando son moi pequenos, engadiu.

Novak comezou a colaborar con UNICEF en 2011, cando foi nomeado embaixador de UNICEF Serbia. Dende entón non deixou de dar o seu apoio para mellorar a vida dos nenos, especialmente dos máis vulnerables. Sempre mostrou un grande interese por todo o relacionado coa educación e o desenvolvemento na primeira infancia, o que permite que os nenos teñan un bo comezo de vida. Para recoñecer o seu profundo compromiso cos dereitos dos nenos, UNICEF invitouno a converterse en Embaixador de Boa Vontade.

Existe un amplo consenso en afirmar que os nenos que reciben coidados, protección e estimulación nos anos previos ao colexio terán máis oportunidades para alcanzar todo o seu potencial. O compromiso de Djokovic coa infancia subliñará a importancia que ten enriquecer os primeiros anos de vida dos nenos para o enfoque integral do desenvolvemento infantil.

"É unha honra para min ser Embaixador de Boa Vontade de UNICEF e seguir axudando a defender e manter os dereitos dos nenos, e a proporcionar acceso ao coidado e desenvolvemento na primeira infancia para todos os nenos e nenas", dixo Djokovic.
"Os primeiros anos de vida son cruciais. Cando os nenos reciben a educación e os coidados adecuados na súa primeira etapa teñen máis probabilidades de sobrevivir, de crecer de xeito san, de ter menos enfermidades, de desenvolver capacidades de pensamento, lingüísticas, emocionais e sociais, e de converterse en cidadáns de éxito na nosa sociedade,".

"Teño o compromiso de axudar a UNICEF a proporcionar coidados e desenvolvemento de calidade na primeira infancia, especialmente aos nenos máis vulnerables, e poder axudalos a construír un futuro mellor para eles mesmos, para as súas familias e para as súas comunidades", engadiu.

Novak xa logrou influír positivamente na vida de moitos nenos, non só como un gran modelo a seguir, senón como un importante defensor dos seus dereitos. Como embaixador de UNICEF Serbia visitou moitas gardarías e escolas infantís dese país para ser testemuña da importancia de investir na aprendizaxe na primeira infancia. O seu apoio e o da Fundación Novak Djokovic serviron para crear programas de educación preescolar máis flexibles, inclusivos e de calidade para algúns dos nenos máis vulnerables de Serbia.

Entre as outras moitas accións para os nenos, Novak apoiou a mellora dos programas preescolares en Serbia. A Fundación Novak Djokovic tamén financiou un innovador servizo de UNICEF Serbia cuxo obxectivo era conectar con familias de zonas urbanas. Tivo tanto éxito que agora está integrado no sistema de protección infantil serbio. Durante as inundacións nos Balcáns en 2014, Novak realizou doazóns a UNICEF para colaborar na resposta de emerxencia. Ademais, xunto a UNIQLO, un dos seus patrocinadores oficiais, Novak apoiou a iniciativa de 'Escolas para Asia' en Bangla Desh, China e Filipinas, así como proxectos de inclusión social e de redución da pobreza en Serbia.

Novak tamén asinou hoxe un convenio entre o Banco Mundial e a Fundación Novak Djokovic, que establece como ambas as dúas institucións poden colaborar máis estreitamente na promoción do desenvolvemento na primeira infancia. UNICEF e a Fundación colaboran para proporcionar coidados na primeira infancia a todos os nenos de Serbia e as súas familias, e a incorporación dos recursos do Banco Mundial permitirá chegar aínda máis aos nenos máis desfavorecidos en todo o mundo.

O recén nomeado Embaixador de Boa Vontade de UNICEF é un dos mellores tenistas que xamais pisasen unha pista de tenis. Ata a data Djokovic gañou un total de 54 títulos, incluíndo 9 Grand Slams,
e foi medallista nos Xogos Olímpicos de Beijing de 2008.

Djokovic uniuse hoxe a outros comprometidos Embaixadores de Boa Vontade que forman ou formaron parte de UNICEF, como Danny KayeAudrey HepburnDavid BeckhamHarry BelafonteOrlandoBloomKaty PerrySir Roger MooreShakiraMaxim Vengerov ou Serena Williams,entre outros.

Para descargar materiais sobre o nomeamento:

http://weshare.unicef.org/mediaresources

Más información:

Diana Valcárcel, Directora de Comunicación, UNICEF España, tel. 609 160 051, [email protected]

Kate Donovan, UNICEF Medios, Tel: +1 917 378 2128  e-mail: [email protected]

Marissa Buckanoff, programa de Embaixadores de Boa Vontade de UNICEF,  Tel:  1 212 326 7513 e-mail:  [email protected]