As nenas retidas por Boko Haram necesitan apoio para reconstruír as súas vidas esnaquizadas

As reunións cos familiares das nenas liberadas en Chibok subliña a difícil situación dos miles de nenas retidas por Boko Haram

A emotiva reunificación familiar de 21 das nenas secuestradas hai máis de dous anos por Boko Haram en Chibok, nordés de Nixeria, pon de relevo a necesidade dun forte apoio que teñen as mulleres e nenas retidas polo grupo.

"A liberación é unha gran noticia, estamos encantados de ver ás nenas novamente coas súas familias, pero debemos continuar presionando por todas as mulleres e nenos que están en poder de Boko Haram para que sexan liberados", dixo Gianfranco Rotigliano, representante de UNICEF en Nixeria. "E debemos ter en conta que todos aqueles retidos por Boko Haram enfróntanse a un longo e difícil proceso de reconstrución das súas vidas despois do indescritible trauma que sufriron".

 
As máis de 200 nenas de Chibok, secuestradas por Boko Haram en abril de 2014, están entre os miles de mulleres e nenas que UNICEF estima que foron retidas
 
UNICEF deu apoio por centos de mulleres e nenas que xa foron liberadas ou puideron escapar de Boko Haram.
 
As nenas contan que foron violadas, frecuentemente baixo a forma de "matrimonios" forzosos, sufriron malleiras, intimidación e inanición durante o seu cativerio. Moitas volveron embarazadas ou con bebés como resultado da violación.
 
Cando conseguen atoparse a salvo, as nenas que estiveron en poder de Boko Haram adoitan estar enfermas, malnutridas, traumatizadas e exhaustas; teñen necesidade de atención médica e apoio psicosocial para superar as súas experiencias e reintegrarse nas súas familias e comunidades.
 
Con frecuencia, o regreso ás súas familias e comunidades é o comezo dun novo sufrimento para as nenas, xa que a violencia sexual que padeceron pode acabar  en estigmatización. A xente adoita ter medo de que as nenas fosen adoutrinadas por Boko Haram e que sexan unha ameaza para as súas comunidades. A utilización de nenos por parte de Boko Haram, principalmente nenas, como os chamados atacantes "suicidas" alimentou estes medos. Ademais, os nenos nados como resultado da violencia sexual teñen maior risco de rexeitamento, abandono e violencia.
 
Desde xaneiro, UNICEF e a organización International Alert proporcionaron apoio psicosocial a mulleres e nenas que padeceron violencia sexual por parte de Boko Haram. Ademais están a traballar coas comunidades afectadas a través dunha rede de líderes relixiosos e comunitarios para promover a aceptación e xestionar as percepcións negativas que obstaculizan a reintegración das mulleres e nenas que sufriron tal violencia.
 
UNICEF puido desenvolver un programa de asistencia para a reintegración de máis de 750 mulleres e  nenas relacionadas coa violencia sexual de Boko Haram grazas aos fondos da Axencia Internacional de Desenvolvemento sueca e ao Departamento para o Desenvolvemento Internacional de Reino Unido. 
 
Con estas cifras de mulleres e nenas en poder do grupo, a provisión dese apoio tan necesario está escasamente financiado para o longo prazo.
 

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]