As nenas dedican 160 millóns de horas máis que os nenos, cada día, ás tarefas do fogar

As nenas de entre 5 e 14 anos dedican un 40% máis de tempo, o que supón 160 millóns de horas ao día, que os nenos do seu mesma idade a tarefas do fogar non remuneradas e a ir buscar auga ou leña. É unha das conclusións do informe que lanzará UNICEF o próximo 11 de outubro, Día Internacional da Nena.

Aproveitando o Poder dos Datos para as Nenas: balance e perspectivas para o 2030 inclúe a primeira estimación global do tempo que as nenas dedican ás tarefas domésticas como cociñar, limpar, coidar a membros da familia ou ir recoller auga e leña.
 
Os datos mostran que a desproporción na repartición da carga das tarefas domésticas empeza pronto, cando as nenas teñen entre 5 e 9 anos e dedican un 30% máis de tempo, 40 millóns de horas máis ao día que os nenos a tarefas do fogar. As cifras crecen a medida que as nenas se fan maiores, cando cumpren entre 10 e 14 anos dedícanlle un 50% máis, o que supón 120 millóns de horas máis cada día.  
 
"A sobrecarga de traballo doméstico non remunerado empeza na primeira infancia e intensifícase cando as nenas chegan á adolescencia", afirma a asesora de xénero de UNICEF Anju Malhotra. "Como resultado disto, as nenas sacrifican oportunidades importantes de aprendizaxe, crecemento, e simplemente de goce da súa infancia. Esta distribución desigual dos labores entre nenos e nenas perpetúa os estereotipos de xénero e a dobre carga sobre as mulleres e as nenas de xeración en xeración".
 
O informe sinala que o traballo das nenas é menos visible e a miúdo infravalorado. Con demasiada frecuencia as responsabilidades dos adultos, como o coidado de membros da familia, incluíndo o doutros nenos, son impostas ás nenas. O tempo que dedican a estes labores limita o tempo que teñen as nenas para xogar, pasar tempo con amigos, estudar ou sinxelamente ser nenas. Nalgúns países, ir recoller a leña ou a auga ponas en risco de sufrir violencia sexual.
 
O informe ofrece ademais os seguintes datos:
 
-      As nenas de entre 10 e 14 anos no sur de Asia e Oriente Medio, e o Norte de África dedican case o dobre de tempo ás tarefas domésticas que os nenos.
 
-      Os países nos que as nenas de entre 10 e 14 anos soportan a carga máis desproporcionada de tarefas domésticas en comparación cos nenos son: Burkina Faso, Iemen e Somalia.
 
-      As nenas de entre 10 e 14 anos en Somalia son as que dedican maior cantidade de tempo ás tarefas domésticas: 26 horas cada semana.
 
"Cuantificar o desafío que enfrontan as nenas é o primeiro paso crítico cara ao logro do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable na igualdade de xénero, e romper as barreiras que enfrontan 1.100 millóns de nenas no mundo", dixo o xefe da sección de análise e datos de UNICEF, Attila Hancioglu.
 
O informe Aproveitando o Poder dos Datos para as Nenas: balance e perspectivas para o 2030 sinala que os datos para as dúas terceiras partes dos 44 indicadores relativos ás nenas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), a guía mundial para terminar coa pobreza, protexer o planeta e lograr prosperidade para todos, son limitados ou pobres. Xunto coas tarefas do fogar, o informe presenta datos sobre temas relativos ás nenas abordados polos ODS, como a violencia, o matrimonio infantil, a mutilación xenital feminina e a educación.
 
Alcanzar os ODS que abordan estas cuestións e empoderar ás nenas co coñecemento, as capacidades e recursos que necesitan para desenvolver o seu potencial plenamente, non é unicamente positivo para as nenas, senón que pode impulsar o crecemento da economía, a promoción da paz e a redución da pobreza.      

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.  

Más información:

Para máis información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]