Nacións Unidas manifesta a súa satisfacción pola liberación de 21 nenos soldado por parte do goberno de Sudán

Nacións Unidas acolle con satisfacción a liberación onte de 21 nenos soldado por parte do goberno de Sudán, presuntamente vinculados a grupos armados.

Estes nenos, que estiveron baixo custodia das forzas de seguridade do goberno, foron capturados durante os enfrontamentos entre o goberno de Sudán e o Movemento pola Xustiza e a Igualdade en Darfur, en 2015.

"Con gran alegría recibimos o anuncio da liberación destes nenos. É un claro resultado da determinación do goberno por buscar a protección dos nenos afectados polo conflito no país. Nacións Unidas aproveita esta oportunidade para reiterar o seu pleno apoio ao goberno promovendo e protexendo os dereitos dos nenos en Sudán, mesmo en zonas en conflito armado", afirma Marta Rodas, coordinadora residente de Nacións Unidas.
 
Nacións Unidas considera a liberación deste grupo un paso adiante importante cara á implementación do Plan de Acción asinado entre Nacións Unidas e o goberno de Sudán o 27 de marzo de 2016. O documento busca contribuír á protección integral de todos os nenos afectados por conflitos armados en Sudán, e especificamente á protección e prevención do seu recrutamento e utilización, así como á súa liberación, reintegración e rehabilitación.
 
"Non se lles pode seguir roubando o futuro aos nenos sudaneses. Ningún neno debería participar nas hostilidades. Os nenos deben estar no colexio e coas súas familias. Recibo con satisfacción a liberación destes nenos, como un xesto significativo e de novo fago un chamamento a todas as partes no conflito armado a deter o recrutamento de nenos soldado", valorou o representante especial conxunto Martin Uhomoibhi, xefe da UNAMID.
 
Os nenos serán aloxados nun centro de tránsito gobernamental onde recibirán apoio psicosocial ademais dos apoios que lles permitan reintegrarse satisfactoriamente nas súas familias e comunidades. Nacións Unidas está a traballar estreitamente co Consello Nacional para o Benestar Infantil do goberno para apoiar o proceso.   
 
"Hoxe é un día verdadeiramente extraordinario! Esta liberación é o reflexo dun compromiso colectivo co Plan de Acción para a protección de todos os nenos que viven en conflitos. A reunificación coas súas familias e a súa reintegración na sociedade será un fito moi importante na materialización e preservación dos dereitos dos nenos. Faremos todos os esforzos posibles para apoiar ao goberno e as súas institucións máis relevantes para reintegrar a estes nenos", declara Abdullah Fadil, representante de UNICEF en Sudán.
 
A exitosa reintegración destes nenos nas súas comunidades, que foron asociados con grupos e forzas armadas, segue sendo un obxectivo moi importante para Nacións Unidas e os seus aliados en Sudán.

Notas aos editores:

- O Plan de Acción foi asinado polo goberno de Sudán, e en nome de Nacións Unidas polo coordinador residente e coordinador humanitario de UNAMID e UNICEF.
 
O Plan de Acción propón unha folla de ruta detallada para asistir ao goberno de Sudán a mellorar a protección integral dos nenos afectados polos conflitos armados, consistente cos Principios e Directrices sobre os nenos vinculados a forzas ou grupos armados de 2007.
 
- Isto inclúe o cesamento do recrutamento e conscripción de nenos por parte das forzas de seguridade do goberno, a prevención do recrutamento no futuro, e asegurar a liberación de nenos na súa soberanía territorial.
 
- O desarmamento, desmovilización e reintegración foi establecido en 2011 a través do Documento para a Paz en Darfur de Doha (DDPD)

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

 

www.unicef.es

Síguenos en  Facebook  Twitter Youtube Instagram

snapcode unicef peque

@unicef_es