A mortalidade materna baixa un 44% dende 1990

Destácao un informe da OMS, UNICEF, UNFPA, Banco Mundial e o Fondo de Poboación de Nacións Unidas

Nota de prensa conxunta. 

As cifras de mortalidade materna descenderon un 44% desde 1990, segundo informaron axencias de Nacións Unidas e o Banco Mundial. 
 
Segundo os datos recolleitos no informe, a mortalidade materna ha baixado de 532.000 casos en 1990 a unha estimación de 303.000 este ano. Este é un dunha serie de informes que miden o progreso realizado no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Isto significaría que a taxa de mortalidade materna no mundo está ao redor de 216 mortes maternas por cada 100.000 nados vivos, por baixo dos 385 de 1990.
 
A mortalidade materna defínese como a morte da muller durante o embarazo, o parto ou nas seis semanas seguintes ao parto.
 
"Os ODM desencadearon esforzos sen precedentes para reducir a mortalidade materna", indicou a doutora Flavia Bustreo, subdirectora xeral de familia, muller e saúde infantil da OMS. "Nos últimos 25 anos, o risco dunha muller de morrer por causas relacionadas co embarazo reduciuse case á metade. Isto é un progreso importante, aínda que non é suficiente. Sabemos que podemos acabar con estas mortes en 2030, e niso é no que nos comprometemos a traballar".
 
Conseguir ese obxectivo vai requirir moito esforzo, segundo o doutor Babatunde Osotimehin, director executivo do Fondo de Nacións Unidas para a Poboación. "Moitos países con altas taxas de mortalidade materna avanzarán pouco, ou quizá ata queden atrás nos próximos 15 anos se non mellora o número actual de matronas dispoñibles e outros traballadores da saúde con coñecementos de obstetricia," afirmou. "Se non lle damos un bo impulso agora, en 2030 atoparémonos outra vez con que non conseguimos os obxectivos para reducir a mortalidade materna".
 
A análise recolleita en Trends in Maternal Mortality: 1990 to 2015 - Estimates by WHO, UNICEF, UNFPA, World Bank Group and the United Nations Population Division (Tendencias en Mortalidade Materna: 1990 a 2015 . Estimacións da OMS, UNICEF, UNFPA, Banco Mundial, e o Fondo de Nacións Unidas para a Poboación) publicouse hoxe na revista médica The Lancet.
 
Asegurar o acceso a servizos de saúde de boa calidade durante o embarazo e o nacemento está a axudar a salvar vidas. As intervencións esenciais en materia de saúde inclúen: boas prácticas de hixiene para reducir o risco de infección; inxectar oxitocina inmediatamente despois do parto para reducir o risco de hemorraxias; identificar e atallar posibles condicións que poden ser mortais como a hipertensión inducida polo embarazo; e asegurar acceso a servizos de saúde e reprodución e planificación familiar para mulleres.

Avances desiguais

A pesar dos logros conseguidos a nivel global, soamente 9 países alcanzaron o ODM 5 para reducir as taxas de mortalidade materna en polo menos un 75% entre 1990 e 2015. Eses países son Bután, Cabo Verde, Cambodia, Irán, República Democrática Popular Lao, Maldivas, Mongolia, Ruanda e Timor Oriental. A pesar dos importantes avances, a taxa de mortalidade materna nalgúns destes países mantense máis alta que a media mundial.
 
"Tal como vimos con todos os outros ODM relacionados coa saúde, o reforzo do sistema de saúde ten que estar complementado con atención a outros temas para reducir a mortalidade materna", explica a directora executiva adxunta de UNICEF Geeta Rao Gupta. "A educación das mulleres e nenas, en particular das máis vulnerables, é clave para a súa supervivencia e a dos seus fillos. A educación dálles os coñecementos para desafiar as prácticas tradicionais que poñen en perigo a súa saúde e a dos seus fillos".
 
Para finais de ano, preto do 99% das mortes maternas ocorrerán nas rexións en desenvolvemento, con África subsahariana á cabeza, rexistrando 2 de cada 3 mortes (66%). Pero iso é un progreso moi grande: África subsahariana reduciu case un 45% a taxa de mortalidade materna, de 987 a 546 por cada 100.000 nados vivos, entre 1990 e 2015.
 
Os maiores logros conseguidos nunha rexión foron os de Asia Oriental, onde a media de mortes maternas descendeu aproximadamente de 95 a 27 por cada 100.000 nados vivos (unha redución do 72%).
 
Nas rexións desenvolvidas, a mortalidade materna ha baixado un 48% entre 1990 e 2015, de 23 a 12 por cada 100.000 nados vivos.

Traballar para erradicar as mortes maternas por causas previbles

A nova Estratexia Global para a Saúde das Mulleres, Nenos e Adolescentes lanzada polo Secretario Xeral de Nacións Unidas en setembro de 2015, busca axudar a alcanzar o ambicioso obxectivo de reducir as mortes maternas a menos de 70 por cada 100.000 nados vivos, a nivel mundial, tal como está incluído nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Alcanzar esa meta fará posible que se triplique o ritmo ? do 2,3% de mellora anual na taxa de mortalidade materna rexistrada entre 1990 e 2015, a 7,5% ao ano, empezando o próximo ano.
 
A estratexia global destaca a necesidade de reforzar o liderado do país na mobilización de recursos domésticos e internacionais para a saúde das mulleres, nenas e adolescentes. Será importante reforzar os sistemas de saúde para que proporcionen coidados de boa calidade en todos os contextos, promovan a colaboración entre sectores, e apoien aos individuos e as comunidades para que poidan tomar decisións informadas sobre a súa saúde e que esixan o coidado de calidade que necesitan. A estratexia destaca que unha atención especial é necesaria nas crises humanitarias e nos contextos máis fráxiles, xa que as mortes maternas tenden a aumentar neses contextos.

"O ODS que contempla erradicar a mortalidade materna para 2030 é ambicioso e alcanzable se redobramos os nosos esforzos", explica o doutor Tim Evans, director de Saúde, Nutrición e Poboación do Banco Mundial. "O Global Financing Facility in Support of Every Woman Every Childlanzado recentemente, enfocada en modelos de financiamento máis sustentables, intelixentes e ampliables axudarán aos países a proporcionar servizos de saúde esenciais a mulleres e nenos".

Necesidade de mellores datos

As estimacións para 2015 en mortalidade materna presentan enormes avances conseguidos cara ao Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio 5. Mostran unha forte tendencia de redución ao longo do tempo. Ao mesmo tempo, vimos mellor e máis información que vén de varios países, reafirmando a fiabilidade das cifras absolutas rexistradas.
 
Os esforzos para reforzar a información e fiabilidade, especialmente nos últimos anos, axudou a acelerar este logro. Con todo, débese facer moito máis para desenvolver sistemas de rexistros vitais completos e fiables que inclúan nacementos, mortes, e causas destas mortes.
 

Tamén son necesarios auditorías e estudos sobre mortalidade materna para entender por que, onde, e cando morren as mulleres e que é o que se pode facer para previr mortes similares. Desde 2012, OMS, UNFPA xunto con outros aliados desenvolveron Resposta e Vigiliancia da Mortalidade Materna (Maternal Death Surveillance and Response) para a identificación e notificación a tempo de todas as mortes maternas, seguidas dun estudo das causas e os mellores métodos de prevención. Un crecente número de países de ingresos baixos e medios están agora implementando este modelo. 

Nota para a redacción:

O informe, coa descrición detallada da metodoloxía e as cifras utilizadas para calcular as estimacións, está dispoñible en:

http://www.who.int/reproductivehealth/publications/monitoring/maternal-mortality-2015/en/

Más información:

Christophe Boulierac, UNICEF Xenebra, Tel: +41 22 909 5716, Móvil: +41 799 639 244, [email protected]

Rita Ann Wallace, UNICEF Nova York, Tel: +1 212 326 7586, Móvil: +1 917 213 4034, [email protected]

Najwa Mekki, UNICEF Nova York, Tel: +1 212 326 7448, Móvil: +1 917 209 1804, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 91 378 95 55 Móvil: + 34 609 160 051 / [email protected]