Millóns de nenos en Sirya están en alto risco de contraer enfermidades pola escaseza de auga e a intensa calor

A diminución de subministracións de auga potable durante o verán abrasador está a expoñer os nenos á ameaza de enfermidades transmitidas a través da auga, segundo advirte UNICEF.

Dende comezos de ano Sirya rexistrou 105.886 casos de diarrea aguda. Tamén se produciu un forte aumento dos casos de hepatite A, que en febreiro alcanzaron a cifra récord de 1.700 en só unha semana.

A intensificación do conflito ao longo do país causou novas ondadas de poboación desprazada, o cal incrementou a presión sobre a xa fráxil rede de auga e saneamento.

"A situación é preocupante sobre todo para os nenos, que son especialmente vulnerables ás enfermidades transmitidas pola auga," di Hanaa Singer, representante de UNICEF en Sirya. "Neste quinto ano de crise a auga é cada vez máis escasa e insalubre, e as malas condicións hixiénicas -en particular nas comunidades de desprazados- están poñendo máis nenos en grave perigo".

Unha das zonas onde o risco de brotes de enfermidades é particularmente alto é Deir-Ez-Zour, no leste. Os informes indican que as augas residuais están a contaminar gravemente o río Éufrates, do cal depende o abastecemento de auga da poboación. Nesta área informouse de 1.144 casos de tifo.

O alto prezo do combustible é outro factor que inflúe no acceso á auga por parte dos civís. En Idleb
, ao oeste de Sirya, triplicouse a 500 libras sirias (2,3 euros) o litro. Ademais, as estacións de bombeo de auga están operativas durante só dúas horas ao día, o que reduce a dispoñibilidade de auga a só 20 litros diarios por persoa.

Outro feito preocupante é o peche do cruzamento fronteirizo con Xordania, que está a afectar á distribución de subministracións fundamentais de auga en Sirya. Antes do peche a mediados de abril, UNICEF utilizaba este paso para distribuír cada mes unha media de medio millón de litros de material de tratamento de auga. Como resultado, as existencias dentro de Sirya estanse a esgotar.

"Dende o comezo da crise traballamos cun amplo número de aliados para dar apoio á infraestrutura de auga necesaria, da que dependen 15 millóns de persoas en Sirya", di Singer. "Isto incluíu a perforación e dotación de pozos como fontes alternativas de auga cando o principal provedor falla, así como o apoio á produción local e a adquisición de subministracións de tratamento da auga,".

UNICEF pide urxentemente 5 millóns de dólares (4,4 millóns de euros) ata finais de agosto para a súa resposta de auga, saneamento e hixiene dentro de Sirya.

Más información:

Juliette Touma, UNICEF Oriente Medio e África do Norte +962 79 867 4628 [email protected]

Razan Rashidi, UNICEF Sirya +963 933 549020 [email protected]

Christophe Boulierac, voceiro UNICEF Xenebra +41 799639244 [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España 609 160 051 / 91 378 95 55 [email protected]