Mensaxe na Semana Mundial da Lactación Materna

Lactación materna e Traballo - Fagamos que funcione!

Cada ano, a comunidade internacional dedica unha semana a chamar a atención sobre a vital importancia que a lactación materna ten, non só nas vidas dos nenos máis vulnerables senón tamén para fortalecer as sociedades. O tema deste ano da Semana Mundial da Lactación Materna, Lactación materna e Traballo - Fagamos que funcione!, pon o foco no que podemos facer para axudar millóns de nais traballadoras a que poidan dar aos seus bebés o mellor comezo posible na súa vida, apoiando políticas máis fortes que promovan a lactación materna nos lugares de traballo.

Sabemos que a lactación materna axuda aos nenos a sobrevivir e desenvolverse, permitíndolles resistir infeccións, proporcionándolles nutrientes críticos para o desenvolvemento temperán dos seus cerebros e corpos, e fortalecendo o lazo entre as nais e os seus bebés. E os beneficios da lactación materna duran toda a vida. Un estudo recente de Lancet mostrou que os nenos que foran aleitados polo menos durante un ano puideron permanecer na escola máis tempo, tiveron mellores resultados nas probas de intelixencia, e tiveron maiores ingresos sendo adultos que aqueles que só recibiron lactación materna durante un mes.

A pesar desta crecente evidencia, só un 38% dos nenos no mundo reciben lactación materna exclusiva, recomendada durante os seis primeiros meses de vida. E aínda que as taxas de lactación materna aumentaron en todas as rexións do mundo, o progreso global detívose.

A Asemblea Mundial da Saúde estableceu o obxectivo global de aumentar as taxas de lactación materna exclusiva para nenos menores de seis meses polo menos ao 50% en 2025. Para alcanzar este ambicioso e moi importante obxectivo, necesitamos eliminar todas as barreiras á lactación materna.

Os gobernos deberían liderar o cambio facendo da lactación materna unha prioridade política nos plans de desenvolvemento nacional, aumentando os recursos para os programas que apoian a lactación, e traballando coas comunidades e familias para promover os beneficios da lactación materna.

Pero deberiamos facer aínda máis para superar o obstáculo que prevén potencialmente a millóns de mulleres de dar o peito: as políticas nos lugares de traballo que non apoian o dereito das nais traballadoras a aleitar os seus bebés no traballo.

Na actualidade, de aproximadamente 830 millóns de mulleres traballadoras no mundo, a maioría non se beneficia de políticas nos lugares de traballo que apoien ás nais que dan o peito. E esta cifra non inclúe mulleres que traballan informalmente, de forma estacional ou con traballo a tempo parcial, frecuentemente as mulleres máis pobres nos países máis pobres, que poden ter que facer fronte a barreiras mesmo maiores para continuar coa lactación materna.

Isto non é só unha perda para as nais traballadoras e os seus bebés. Tamén é unha perda para os empregadores. As nais traballadoras con beneficios axeitados á maternidade, como un lugar de traballo que apoie a lactación, teñen maior satisfacción co seu traballo e maior lealdade cara a quen as emprega. Os nenos que recibiron lactación materna enferman con menos frecuencia, co cal as súas nais tamén faltan menos ao seu traballo. Estes efectos contribúen a unha maior produtividade, beneficiando basicamente ás empresas e economías ás que contribúen.

Recoñecendo estas conexións, a Organización Internacional do Traballo adoptou tres Convencións para establecer medidas protectoras para as mulleres embarazadas e futuras nais, que inclúen o dereito a continuar coa lactación materna e promover opcións factibles para as mulleres que están fóra do traballo formal. A nivel mundial, 67 países ratificaron polo menos unha das tres Convencións que protexen a maternidade. Máis gobernos deberían unirse a este movemento crecente e actuar para implementar estas importantes proteccións.

Sabemos que a lactación materna mellora a vida de millóns de nenos e basicamente beneficia ás familias, comunidades e ás sociedades. O noso reto agora é facer que a lactación materna tamén funcione nos lugares de traballo. Xuntos podemos axudar ás mulleres traballadoras a dar o peito e obter os beneficios para elas mesmas, para os seus nenos e para a saúde e o benestar das futuras xeracións.

Mr. Anthony Lake                                                           Dr. Margaret Chan

Director Executivo UNICEF                                        Directora Xeral OMS

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]