Máis de 250.000 nenos e nenas sofren desde 2013 os efectos do conflito en Colombia, a pesar das conversacións de paz

Máis de 250.000 nenos e nenas sufriron os efectos do conflito en Colombia desde que as conversacións de paz entre o Goberno e o principal grupo da oposición armada do país (FARC-EP) comezasen fai tres anos, dixo UNICEF nun informe publicado hoxe.

A organización dedicada á infancia dixo tamén que, durante o mesmo período, os grupos armados non estatais utilizaron ou recrutaron a uns 1.000 nenos e nenas, segundo datos verificados tanto a nivel nacional como polas Nacións Unidas.
 
"Mentres seguen as negociacións para poñer fin a medio século de guerra en Colombia, é crucial conseguir que os intereses e a protección dos nenos sexan unha prioridade", dixo Roberto De Bernardi, representante de UNICEF en Colombia. "Ningún neno en Colombia hoxe sabe o que é vivir nun país en paz. É tempo de pasar a páxina".
 
O informe, A infancia nos tempos de guerra: Cales son as perspectivas de paz para os nenos e nenas de Colombia?, sinala que as conversacións de paz axudaron a mellorar a situación sobre o terreo: entre 2013 e 2015, o número de nenos asasinados ou feridos polas minas terrestres e os artefactos explosivos sen detonar reducíronse á metade, mentres que o número de nenos desprazados diminuíu nun 40%.
 
Con todo, durante o mesmo período, a violencia xeneralizada e a loita persistente entre os diferentes bandos continúan poñendo en risco as vidas dos nenos. Segundo as Nacións Unidas e os datos nacionais:

·         Máis de 230.000 nenos resultaron desprazados;

 
·         Polo menos 75 nenos morreron e outros 180 resultaron feridos;
 
·         Case 130 nenos morreron ou resultaron feridos polas minas terrestres e as municións sen explotar;
 
·         Polo menos 180 nenos foron vítimas de violencia sexual;
 
·         65 escolas resultaron danadas polos combates ou foron utilizadas para fins militares;
 
·         Polo menos 10 mestres foron asasinados.
 
O desprazamento forzoso, a inseguridade, o temor ao recrutamento, a ameaza da violencia social e a presenza de minas antipersoal son a causa de que os nenos abandonen a escola, segundo o informe. Os nenos que viven en zonas de conflito representan o 40% do número de nenos en idade de primaria e secundaria básicas que non van á escola.
 
"Mesmo se o acordo de paz asinásese mañá, os nenos continuarían correndo o risco de sufrir todo tipo de violacións, incluíndo o recrutamento, as minas e a explotación sexua", dixo De Bernardi. "A menos que estes nenos reciban a asistencia material e psicolóxica que necesitan, as perspectivas dunha paz duradeira seguirán sendo difíciles de alcanzar".
 
Ao instar as partes en conflito a que poñan primeiro os intereses dos nenos, UNICEF fai fincapé en que:
 
·         Os nenos e nenas vinculados aos grupos armados son ante todo vítimas. Necesitan que se lles protexa, que se lles reúna coas súas familias e que se lles ofreza o apoio que necesitan para reintegrarse á sociedade.
 
·         A liberación de todos os nenos e nenas menores de 18 anos dos grupos armados non debería supeditarse aos resultados do acordo de paz. Non hai lugar para os nenos na guerra.
 
·         A menos que os nenos e nenas afectados polo conflito teñan mellores oportunidades, a súa única esperanza para sobrevivir será unirse a outros grupos armados non estatais.

UNICEF traballa cos seus asociados en Colombia para axudar aos nenos para adquirir aptitudes para a vida que lles protexan da violencia, para educar ás comunidades sobre as minas terrestres, e para promover a paz e a educación cívica e o acceso dos nenos á xustiza, a verdade e a reparación.

Descargar informe e materiais multimedia, aquí.

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]