Máis da metade dos afectados por desastres naturais son nenos

No Día Internacional para a Redución dos Desastres Naturais, UNICEF España recorda que é posible evitar a morte de miles de nenos mediante a preparación, prevención e mitigación ante os riscos naturais.

Os nenos representan entre o 50% e o 60% da poboación afectada por desastres naturais no mundo. Este tipo de emerxencias aumenta exponencialmente os niveis de mortalidade infantil, non só polas vítimas directas que poida producir a catástrofe, senón sobre todo porque aumentan riscos como a desnutrición ou os problemas nos sistemas de auga e saneamento, que se ve acentuados nestas situacións. Ademais, as catástrofes naturais interrompen o desenvolvemento educativo dos nenos e poden causarlles graves traumas psicolóxicos. Así mesmo, moitos son separados das súas familias e quedan expostos á explotación e o abuso.

O número de desastres naturais triplicouse dende a década dos 70, impulsados polo cambio climático. Estímase que o número de nenos afectados aumentará nos próximos anos ata chegar aos 175 millóns anuais nesta década. Por este motivo, e coincidindo co Día Internacional para a Redución dos Desastres Naturais que se celebra hoxe, UNICEFComité Español recorda que, a través dun traballo de preparación técnica e material, é posible mitigar o impacto destes fenómenos na taxa de mortalidade infantil dos países afectados. O alcance e a gravidade das consecuencias dos desastres naturais están directamente relacionados coa capacidade das infraestruturas, recursos técnicos e materiais de cada país. Por iso, o impacto dunha catástrofe multiplícase nos países en desenvolvemento, onde se concentran o 90% das mortes provocadas por este tipo de fenómenos e onde o alcance da destrución provoca os danos máis graves. A Redución de Risco de Desastres (RDD) ten entre os seus obxectivos reducir a potencial taxa de mortalidade evitando ou mitigando o seu impacto na poboación antes de que se produza a emerxencia. Na súa estratexia de Redución de Risco de Desastres, UNICEF busca fortalecer a resiliencia, a capacidade para sobrepoñerse que teñen as sociedades que sofren frecuentemente catástrofes naturais, destacando a prioridade de protexer mulleres e nenos. Para que a acción humanitaria neste tipo de situacións sexa efectiva, é preciso non só cubrir as necesidades inmediatas das persoas, senón tamén o fortalecemento das súas habilidades para enfrontarse a futuros desastres.

Un exemplo do traballo útil para a redución de riscos é o intenso labor que UNICEFrealiza actualmente para frear o avance do ébola en África. As campañas de sensibilización nos países afectados están a conseguir que a poboación coñeza unha información que antes non coñecía sobre como detectar síntomas da enfermidade, ou as medidas para evitar o contaxio. Desta forma, estanse a evitar contaxios na actualidade, pero no caso doutros brotes no futuro, os cidadáns xa terán de antemán unha información que ata agora non tiñan e que reduce o risco de propagación. A crise do ébola tamén explica a importancia de ter un sistema de saúde forte ante este tipo de epidemias. Dous países de África Occidental, Nixeria e Senegal, conseguiron frear de forma efectiva a expansión da enfermidade, o que se explica en gran parte porque teñen sistemas de saúde máis preparados. Non obstante, os países que están a sufrir unha maior propagación do virus, como Serra Leoa, Guinea ou Liberia, tiñan un sistema de saúde moito máis débil que non puido facer fronte a esta situación. O aumento dos niveis de desnutrición é un dos grandes retos tras un desastre natural. UNICEF traballa neste ámbito apoiando de forma constante os países con taxas de desnutrición infantil para estender e fortalecer o acceso a unha nutrición de calidade. UNICEF apoia intervencións que se sustentan nas capacidades locais e protexe as prácticas positivas de nutrición xa existentes sempre que é posible, co obxectivo de facilitar que as comunidades poidan facer fronte posteriores crises. En países como Mauritania, UNICEF realiza enquisas de nutrición periodicamente co fin de preparar un programa de seguridade alimentaria e establecer un sistema de alerta temperá ante posibles crises de desnutrición.

Para seguir avanzando na loita pola supervivencia infantil en todo momento e en todas as situacións,UNICEF Comité Español puxo en marcha a súa campaña Agora non podemos parar que, ata principios de 2015, pretende trasladar á nosa sociedade os avances realizados e os grandes retos pendentes para seguir salvando vidas. Os índices de supervivencia infantil melloraron radicalmente: en 1990, 12,7 millóns de nenos menores de cinco anos morreron por causas que podemos evitar; en 2013 esta cifra foi de 6,3 millóns. É unha redución de case a metade, pero a pesar dos avances, máis de 17.000 nenos menores de cinco anos morren cada día por causas que se poden evitar con medidas tan sinxelas como ter vacinas, auga ou unha nutrición axeitada.

Para contribuir ao traballo de UNICEF contra a mortalidade infantil:

Envío de SMS coa palabra UNICEF ao 28028*: 1,20 euros íntegros para UNICEF. Con esta cantidade pódese vacinar a un neno contra varias enfermedades mortais, ou costear o tratamento contra a desnutrición para un neno durante un día.

Web: www.unicef.es/ahoranopodemosparar/

Teléfono: 902 31 41 31

*IMPORTE DO SERVICIO DE SMS 1,20€ ÍNTEGRO PARA UNICEF. Válido para Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo e Euskaltel. Número sen fins comerciais. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, [email protected]. Información legal e protección de datos: www.unicef.es

Anuncio da campañaAgora non podemos parar http://youtu.be/T1700NBGnls

Máis información sobre o traballo de UNICEF en emerxencias:

http://www.unicef.es/infancia/emergencias-ayuda-humanitaria

http://www.unicef.es/sites/www.unicef.es/files/hac_2014.pdf

Más información:

Raquel Fernández

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]