A maioría de homes e mulleres oponse á mutilación xenital feminina nos países onde aínda persiste esta práctica

Uns dous terzos dos homes, mulleres, nenos e nenas dos países onde a mutilación xenital feminina (MGF) é unha práctica común aseguran que queren que se erradique, segundo os últimos datos de UNICEF.

Nos países dos que se dispoñen datos, o 67% das nenas e mulleres e o 63% dos nenos e homes oponse a que as súas comunidades sigan practicando a MGF.
 
"A pesar de que a mutilación xenital feminina está asociada á discriminación de xénero, os nosos resultados mostran que a maioría de nenos e homes están, en realidade, en contra dela", afirmou Francesca Monetti, especialista en Protección Infantil de UNICEF. "Desafortunadamente, o desexo das persoas de pór fin á mutilación xenital feminina a miúdo está oculto, e moitas mulleres e homes aínda cren que esta práctica é necesaria para ser aceptados nas súas comunidades".
 
Os datos revelan que, nalgúns países, os homes oponse á MGF con máis forza que as mulleres. En Guinea, o segundo país do mundo con maior prevalencia, o 38% dos homes e nenos están en contra da continuidade da MGF, fronte ao 21% das mulleres e nenas. O mesmo patrón obsérvase en Serra Leona, cun 40% de nenos e homes en contra e un 23% entre as nenas e mulleres.
 
A diferenza máis notable nas percepcións entre homes e mulleres respecto da MGF prodúcese tamén en Guinea, onde o 46% dos homes e nenos valora que esta práctica non ten ningunha vantaxe, fronte a só o 10% das mulleres e nenas. Os resultados tamén mostran que en máis da metade dos 15 países dos que se teñen datos, polo menos 1 de cada 3 nenas e mulleres cren que a MGF non ten ningún beneficio. A proporción é moi similar entre os nenos e os homes en 10 dos 12 países con datos dispoñibles.
 
Ademais dunha ampla maioría de persoas que se opoñen a esta práctica daniña alí onde está máis asentada, está a producirse un crecente impulso e compromiso para erradicar a MGF.
 
En 2015, Gambia e Nixeria prohibiron por lei a MGF. Por outra banda, máis de 1.900 comunidades, cunha poboación estimada de 5 millóns de persoas, nos 16 países con datos dispoñibles, comprometéronse publicamente a abandonar esta práctica. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) adoptados pola Asemblea Xeral da ONU en setembro de 2015 inclúen un obxectivo de eliminar para 2030 todas as prácticas daniñas, como a mutilación xenital feminina e o matrimonio infantil.
 
A investigación de UNICEF tamén revela un posible vínculo entre a educación da nai e as probabilidades de que a súa filla sufra MGF. En 28 países, 1 de cada 5 fillas de mulleres sen educación sufriu MGF, fronte a 1 de cada 9 fillas de nais con polo menos educación secundaria.
 
Uns 200 millóns de nenas e mulleres vivas na actualidade nun total de 30 países sufriron MGF, unha serie de procedementos que poden causar unha dor extrema tanto físico como psicolóxico, sangrado prolongado, VIH/SIDA, infertilidade e mesmo a morte.
 
"Os datos poden xogar un importante papel á hora de expor as verdadeiras opinións das comunidades sobre a mutilación xenital feminina. Cando as persoas danse conta de que os demais non apoian a MGF, faise máis fácil para eles pór fin a esta práctica. Necesítase traballar máis cos mozos, homes e mulleres, comunidades enteiras e líderes relixiosos e políticos, para pór en valor estes achados e os efectos daniños da MGF, e acelerar aínda máis o movemento para pór fin a esta práctica", valorou Monetti.
 
UNICEF e o Fondo de Poboación de Nacións Unidas (UNFPA) colideran o maior programa mundial para fomentar a eliminación da MGF. Actualmente apoia os esforzos en 17 países que traballan a todos os niveis, desde o nacional até nas comunidades locais.

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55. E-mail: [email protected]