A guerra en Iemen supón unha ameaza cada vez maior para os nenos

Declaración de Julien Harneis, representante de UNICEF en Iemen

"Preto de 10 millóns de nenos enfróntanse a un novo ano de dor e sufrimento en Iemen, onde non se albisca o final do conflito armado. 

Os continuos bombardeos e os enfrontamentos na rúa están a expor aos nenos e as súas familias a unha combinación mortal de violencia, enfermidade e privacións.
 
O impacto directo do conflito nos nenos é difícil de medir. As estatísticas confirmadas pola ONU (747 nenos mortos e 1.108 feridos desde marzo do ano pasado; 724 nenos forzados a realizar algún tipo de actividade militar) só reflicten parte da historia. Pero son o suficientemente impactantes.
 
Os efectos máis amplos da violencia contra civís inocentes van moito máis alá. Os nenos constitúen polo menos a metade dos 2,3 millóns de persoas que se estima que están desprazadas dos seus fogares, e dos máis de 19 millóns de persoas que tentan conseguir auga cada día. 1,3 millóns de nenos menores de cinco anos enfróntanse ao risco da desnutrición aguda e de infeccións agudas das vías respiratorias. Polo menos 2 millóns de nenos non poden ir á escola.
 
Os servizos públicos sanitarios, de auga e saneamento víronse decimados e non poden abordar as necesidades cada vez maiores dunha poboación desesperada. Moi poucos dos 7,4 millóns de nenos que necesitan protección (incluíndo apoio psicosocial que lles axude a lidar cos efectos da súa exposición á violencia) recibirana realmente.
 
Das consecuencias a longo prazo desta situación en Iemen, que xa era a nación máis pobre de Oriente Medio antes do conflito, só pódense facer conxecturas.
 
As axencias como UNICEF están a traballar o mellor que poden, nunha contorna extremadamente perigosa. Como resultado, no ano 2015, 4 millóns de nenos menores de cinco anos foron vacinados contra o sarampión e a polio, e 166.000 recibiron tratamento contra a desnutrición. Máis de 3,5 millóns de persoas afectadas polo conflito tiveron acceso a auga e 63.520 persoas de comunidades moi pobres recibiron transferencias en efectivo nas cidades de Sanaa e Taiz.
 
Pero necesítase facer moito máis. Os nenos de Iemen necesitan axuda urxente, e necesítana agora.
 
Isto sería posible se todas as partes involucradas no conflito, tal e como lles impón o Dereito Internacional Humanitario, permitisen o acceso libre ás áreas afectadas polos combates, onde os civís están a morrer porque os hospitais non están operativos e os medicamentos escasean, e os nenos están en risco de morrer por mor de enfermidades prevenibles. As axencias de axuda humanitaria poderían entón ampliar o seu traballo.
 
Pero o que realmente se necesita, por encima de calquera outra cousa, é o final do conflito. Só desa maneira os nenos de Iemen poderán mirar a 2016 con esperanza, e non con desesperación". 

Más información:

Mohammed Al-Asaadi, UNICEF Iemen, [email protected], +967 711760002

Bismarck Swangin, UNICEF Amman, [email protected] +962 790 157 636

Najwa Mekki, UNICEF Nova York, [email protected], +1 917 209 1804

Diana Valcárcel, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]