A falta de acceso á hixiene pode pór en perigo a nova axenda para o desenvolvemento, di UNICEF

As taxas de lavado de mans son inferiores nos países de baixos ingresos

A pesar dos beneficios que demostrou ter sobre a saúde infantil, a práctica de lavarse as mans con xabón atópase nun nivel perigosamente baixo en moitos países, informa UNICEF.

O oitavo Día Mundial do Lavado de Mans celébrase menos dun mes despois de que as Nacións Unidas aprobasen os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que por primeira vez incorporan a hixiene a esta axenda mundial. Unha das metas dos ODS é "lograr un acceso adecuado e equitativo a servizos de saneamento e hixiene para todos"en 2030.
 
Segundo UNICEF as melloras na hixiene deben producirse ao mesmo tempo que os avances no acceso á auga e saneamento; en caso contrario, os nenos seguirán sendo vítimas de enfermidades facilmente prevenibles como a diarrea.
 
"Xunto coa auga potable e o acceso aos aseos, a hixiene -especialmente o lavado de mans con xabón- é o terceiro fundamento esencial da meta sobre auga e saneamento-, dixo Sanjay Wijesekera, xefe mundial dos programas de auga, saneamento e hixiene de UNICEF. "Dende o nacemento -cando as mans sen lavar das parteras poden transmitir patógenos perigosos- e na infancia, a escola e máis aló, o lavado de mans é fundamental para a saúde do neno. É unha das intervencións de saúde máis baratas, simples e eficaces que temos".
 
África subsahariana, a rexión coas taxas de mortalidade infantil máis altas do mundo, ten niveis especialmente baixos de lavado de mans. Segundo o último informe de UNICEF e a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 38 países da rexión con datos dispoñibles os niveis son, como moito, do 50%.
 
Incluso os centros de atención sanitaria carecen a miúdo de lugares para o lavado de mans. Ao redor do 42% deste tipo de instalacións na rexión de África da OMS carecen de fontes de auga dispoñible a menos de 500 metros.
 
Segundo as últimas estimacións de Nacións Unidas, máis de 800 das aproximadamente 1.400 mortes infantís por diarrea que se producen diariamente poden atribuírse á falta de auga, saneamento ou hixiene. No seu primeiro mes de vida os nenos son especialmente vulnerables ás enfermidades transmitidas polas mans sen lavar.
 
O Día Mundial do Lavado de Mans celébrase cunha serie de actividades en todo o mundo, e o seu obxectivo é ensinar a importancia do lavado de mans con xabón, especialmente aos nenos.

§  República Democrática do Congo: celébrase un concurso nacional de debuxo sobre o lavado de mans, no que participarán 300.000 alumnos de 1.500 escolas; as mensaxes chegarán a 3 millóns de persoas en 5.500 aldeas.

§  Haití: está previsto un partido de fútbol (Mans Limpas contra Mans Sucias), así como un desfile, anuncios nas radios comunitarias, cancións, poemas, un concurso de debuxo e demostracións públicas de lavado de mans.

§  Kiribati:as 94 escolas primarias, 24 secundarias e 16 secundarias superiores do país participarán nunha cerimonia de lavado de mans en grupo. Os estudantes deseñarán carteis e pancartas, e promoverán o lavado de mans con marchas, cancións, bailes, teatro, discursos, poemas e traballos de arte.

§  Sri Lanka:o goberno de Sri Lanka está a organizar un intercambio de aprendizaxe dunha semana entre as escolas para establecer as mellores prácticas para os programas en toda Asia e o Pacífico. O Embaixador de UNICEF para Asia meridional, o xogador de cricket Sachin Tendulkar, participará na promoción da importancia do lavado de mans.

§  Vietnam:8.000 nenos participarán nun acto cuxo obxectivo é que animen ás súas familias a practicar o lavado de mans con xabón.

Más información:

Rita Ann Wallace, UNICEF Nova York, +1 2123267586, 1 917-213-4034, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55 [email protected]