Empeora a situación de millóns de nenos no Corno de África

As taxas de desnutrición nalgunhas zonas de Kenya disparáronse ata o 37%. O Director Executivo de UNICEF encóntrase na rexión para coñecer de primeira man o drama ao que se enfrontan 11 millóns de persoas

UNICEF pediu unha expansión inmediata da axuda para que chegue ás comunidades afectadas pola seca no Corno de África, e atender así as necesidades de máis de dous millóns de nenos, dos que medio millón están en inminente risco de morte. A actual situación de desnutrición severa empeorará xa que non se preveen melloras nas condicións de seguridade alimentaria ata comezos de 2012.  

"O que estamos a ver aquí é case unha tormenta perfecta - conflito en Somalia, aumento do prezo do petróleo e dos alimentos, seca e escaseza de chuvias. Enfrontámonos a catro ou cinco meses sen colleitas así que todos temos un gran traballo por diante" asegurou Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF tras finalizar a súa misión de catro días en Kenya. "En moitas das comunidades máis pobres a xente está tan empobrecida ou debilitada que non é capaz de intentar andar en busca de axuda. " Na rexión, preto de 11 millóns de persoas están en perigo. Miles de mulleres e nenos están a fuxir cada día do centro e sur de Somalia. En calquera caso a crise vai máis alá dos desprazamentos diarios dos refuxiados que van a Kenya e Etiopía: tamén está a afectar a subsistencia de millóns de campesiños e pastores nestes dous países, que dependen da chuvia para sobrevivir.

 
Durante a súa visita á árida rexión de Turkana, ao norte de Kenya, Lake presenciou o rostro silencioso da crise. Reuniuse con pastores cuxos medios de subsistencia se viron afectados polas consecuencias de dez anos de seca. As taxas de desnutrición nalgunhas zonas de Turkana disparáronse ata o 37%. No pobo deKapua, un punto de distribución de alimentos, centos de pastores nómades reuníronse para compartir as súas experiencias e pediron non ser esquecidos. Aínda que as redes de seguridade e a asistencia humanitaria axudaron a manter estas comunidades no pasado, a interrupción da cadea de alimentos fai que as subministracións sexan agora esporádicas e inadecuadas.

 
Lake escoitou unha muller que camiñara dende o amañecer ata mediodía para buscar auga na canle dun río seco. Contoulle como os nenos sobreviven, se son afortunados, cunha comida ao día composto a miúdo de só noces de palma, e que as nais lactantes non producen suficiente leite para alimentar os seus recén nacidos. Unha situación que se repite noutras comunidades de zonas áridas e semi áridas de Kenya, Etiopía, Djibouti e Somalia. "Isto non é só unha cuestión de vidas ameazadas senón de que a vida está ameazada" asegurou. En Somalia, centos de miles de nenos e as súas familias estaban xa en busca de asistencia tanto en campos de desprazados internos como fuxindo a través das fronteiras a outros países veciños.

 
Lake comprometeuse a que UNICEF siga apoiando de xeito continuado, insistindo en que a axencia internacional dedicada á infancia seguirá traballando estreitamente cos seus aliados para aumentar a resposta á emerxencia na rexión, que recibiu poucos fondos durante moitos anos. Pediu ademais á comunidade internacional e aos doadores privados que incrementen as súas doazóns a UNICEF, o Programa Mundial de Alimentos, ACNUR e outros colaboradores, e que centren os seus novos esforzos na busca de solucións que fagan fronte á pobreza enraizada e á vulnerabilidade da rexión.

 
Nas zonas afectadas pola seca do Corno de África,UNICEF traballa cos seus aliados para tratar a desnutrición aguda a través de programas de alimentación terapéutica; subministrando medicinas e vacinas para previr enfermidades; mellorando o acceso a auga potable a través da reparación de estacións de bombeo, realizando perforacións, clorando as fontes de auga e levando auga en camións cisterna; apoiando a educación a través de espazos temporais de aprendizaxe e usando kits de 'Escolas nunha maleta'; e aumentando as medidas de protección para asegurar que os nenos están a salvo da violencia, os abusos e a explotación.UNICEF realizou unha petición de fondos de 31 millóns de dólares (21,91 millóns de euros) para cubrir os custos das operacións máis urxentes.

Doazóns para a emerxencia nutricional no Corno de África:

Teléfono: 902 31 41 31

Web: www.unicef.es

Conta corrente número : 0182-2370-40-0208517159 (BBVA)

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]