#Ébola: O persoal sanitario en primeira liña e as familias de Serra Leoa reciben subministracións esenciais grazas a unha alianza de UNICEF e a UE
A doazón da Unión Europea a UNICEF, de 1 millón de euros, financiará tres voos de carga aos países afectados polo ébolaUn avión de carga con preto de 100 toneladas métricas de subministracións médicas esenciais saíu hoxe de Amsterdam cara a Serra Leoa, como parte da resposta fronte ao brote de ébola que está a facer estragos en África Occidental. Prevese enviar voos similares a Liberia e Guinea, como parte da doazón dun millón de euros do Departamento da Axuda Humanitaria da Comisión Europea (ECHO).
"Cada día, o número de persoas infectadas e que morren por esta terrible enfermidade está a aumentar de forma dramática", dixo Claus Sorensen, director xeral do Departamento da Axuda Humanitaria da Comisión Europea. "O financiamento é esencial. Non obstante, necesitamos encontrar solucións que vaian máis alá. Unha coordinación estreita con aliados como UNICEF é clave para conseguir que a axuda chegue á poboación que o necesita". "O envío de hoxe inclúe equipo de protección como máscaras, luvas, batas, monos, bolsas, lentes, cascos así como medicamentos e subministracións hixiénicas para distribuílos nos fogares e centros de saúde. Esta operación foi financiada por doadores como o Banco Mundial e o Departamento para o Desenvolvemento Internacional de Reino Unido". "O ébola está a esnaquizar países, comunidades e familias", dixo Yoka Brandt, directora executiva adxunta de UNICEF. "Aqueles que están a arriscar a súa vida para coidar os enfermos, tanto persoal sanitario como familiares, necesitan estar debidamente protexidos. Estas subministracións axudaranlles a manterse seguros". Ata a data, UNICEF levou máis de 912 toneladas métricas de material a Guinea, Liberia e Serra leoa, no que se converteu na maior operación aérea de subministracións para o ébola.