É necesaria unha acción global masiva para protexer contra a polio os nenos en Sirya, Iraq e o resto da rexión

765.000 nenos viven en lugares inaccesibles de Sirya nos que xa se confirmaron 38 casos de polio

A Organización Mundial da Saúde (OMS) e UNICEF lanzaron hoxe un informe no que anuncian o final da primeira fase da maior campaña de vacinación contra a polio xamais realizada en Oriente Medio. 25 millóns de nenos menores de 5 anos foron vacinados en 7 países en 37 roldas.

"A pesar dos enormes desafíos e as desesperadas condicións da rexión, os nenos foron vacinados entre tres e seis veces. Isto deixa ver un indicio de esperanza, e débese en boa medida a miles de heroes non recoñecidos: traballadores da saúde comprometidos e voluntarios que emprenderon esta tarefa en toda a rexión e dentro de Sirya, desafiando aos riscos existentes para proporcionar a vacina contra a polio aos nenos", dixo Maria Calivis, Directora Rexional de UNICEF en Oriente Medio e Norte de África. O informe atribúe a volta da polio a Sirya despois de 14 anos a factores como a interrupción das vacinacións rutineiras, os danos severos nas infraestruturas sanitarias de Sirya, os continuos desprazamentos da poboación dentro de Sirya e ao outro lado das súas fronteiras, e a perda de oportunidades. Segundo o informe a cobertura da vacina contra a polio baixou dramaticamente en Sirya do 99 por cento ao 52 por cento. Polo menos o 60 por cento dos hospitais sirios foron destruídos ou danado, e menos dun terzo das ambulancias públicas seguen funcionando. O abastecemento de vacinas, os vehículos de servizo e o equipamento da cadea de frío foron danados, postos permanentemente fóra de servizo ou perdidos. "A polio acelerou o seu camiño de regreso a Sirya, sumándose ao que xa de por si era un desastre humanitario. Chegamos a un punto no que tivemos que traballar con recursos moi limitados para combater o que fora un inimigo esquecido durante moito tempo nesta rexión, algo que non entende de fronteiras ou postos de control e que pode viaxar rápido, infectando os nenos non só na Sirya esgazada pola guerra, senón en toda a rexión", dixo Chris Maher, Director da OMS para a Erradicación da Polio e Apoio á Emerxencia. Máis de 6,5 millóns de nenos sirios necesitan asistencia humanitaria de emerxencia. Dentro de Sirya, 765.000 nenos menores de 5 anos viven en áreas difíciles de alcanzar, onde o conflito e as restricións fan que sexa moi complicado chegar a eles con axuda humanitaria, incluíndo acceso regular a vacinas. O informe di que deben realizarse unha serie de accións fundamentais para deter a expansión da polio na rexión:

  • Conceder un acceso inmediato e sen trabas aos nenos menores de 5 anos aos que é difícil chegar dentro de Sirya.
  • Garantir o paso seguro dos traballadores sanitarios e protexer aos vehículos médicos e os equipos que manteñen a cadea de frío dentro de Sirya.
  • Concienciar sobre a polio e a necesidade de vacinar a todos os nenos de menos de 5 anos en toda a rexión, varias veces.
  • Asegurar o financiamento necesario para levar a cabo repetidas roldas de vacinación a finais de 2014.

"O noso traballo está lonxe de rematar. Nos próximos meses, temos que alcanzar a máis e máis nenos, especialmente aqueles aos que non chegamos debido á inseguridade e a violencia," concluíu Calivis.

NOTA PARA OS EDITORES

Trinta e seis nenos sufriron parálise debido á polio en Sirya. Vinte e cinco deles están na disputada provincia deDeir Ez Zour, cinco en Alepo, tres en Idlib, dous en Al-Hassakeh e un enHama. Antes deste brote, non se rexistraban casos de polio en Sirya dende 1999. Vanse repetir máis campañas de vacinación contra a polio en toda a rexión. En Sirya haberá dúas campañas nacionais masivas contra a polio en outubro e novembro de 2014, e unha campaña masiva a nivel local en agosto de 2014. O 30 de marzo de 2014, o Ministro de Sanidade de Iraq declarou un brote de polio ao detectarse un caso nun neno da área deAl-Rusafa na capital, Bagdad. Un segundo caso de polio con inicio de parálise foi detectado o 7 de abril, tamén en Bagdad. Tamén foron detectados en mostras de augas residuais en Exipto (decembro de 2012), Israel, Cisxordania e a Franxa de Gaza (2013) restos de poliovirus xeneticamente relacionados, procedentes de Paquistán. Tamén se encontraron na máis recente recollida en Israel o 30 de marzo de 2014.

Más información:

Dailo Alli, UNICEF España, [email protected], +34 609 160 051

Juliette Touma, Oficina Rexional de UNICEF en Oriente Medio e Norte de África, [email protected], +962-79-867-4628

Bahaa Elkoussy, Oficina Rexional de la OMS no Mediterráneo,  [email protected], +20-100-601-93-16