Día Internacional contra o Uso de Nenos Soldado: os nenos son cada vez máis vulnerables a ser recrutados e usados por grupos armados
Os nenos son cada vez máis vulnerables a ser recrutados e utilizado por grupos armados a medida que os conflitos son máis brutais, intensos e xeneralizados en todo o mundo, sinalaron hoxe UNICEF e a Oficina da Representante Especial do Secretario Xeral da ONU para a cuestión dos Nenos e os Conflitos Armados, con motivo do Día Internacional contra o Uso de Nenos Soldado hoxe 12 de febreiro.
"Aínda que os gobernos do mundo conseguiron avances á hora de
recoñecer que os nenos non teñen cabida nos seus exércitos, o
recrutamento de nenos soldado segue representando un problema
enorme, especialmente cos grupos armados", indicou a Representante
Especial, Leila
Zerrougui.
"Das 59 partes en conflito que o Secretario Xeral
da ONU identificou
polas súas graves violacións contra os nenos, 57 delas están a
recrutar e utiliza nenos soldado", agregou.
UNICEF e
a Oficina da Representante Especial fan un chamamento para que se
adopten medidas urxentes co obxectivo de poñer fin ás graves
violacións contra os nenos, incluíndo o seu recrutamento e uso por
grupos armados. As partes en conflito deben cumprir as súas obrigas
en virtude do Dereito Internacional.
"A liberación de todos os nenos por parte dos grupos armados débese
levar a cabo sen demora. Non podemos esperar a que chegue a paz
para axudar aos nenos atrapados no medio da guerra", afirmou a
directora executiva adxunta de UNICEF, Yoka
Brandt."Investir dun xeito que manteña os nenos afastados da fronte de
batalla, en particular mediante a educación e o apoio económico, é
absolutamente fundamental para o seu futuro e o futuro das súas
sociedades", apostilou.
Decenas de miles de nenos e nenas están asociados a forzas e grupos
armados nos conflitos que esgazan a máis de 20 países en todo o
mundo. Moitos deles foron vítimas ou testemuñas de actos dunha
brutalidade indescritible, ou víronse obrigados a participar
neles.
- En Afganistán, a pesar dos progresos para poñer fin ao recrutamento e o uso de nenos nas forzas de seguridade, os menores de idade continúan sendo recrutados por outras partes en conflito, como a rede Haqqani e os talibáns. Nos casos máis extremos, os nenos foron utilizados como terroristas suicidas ou para a fabricación de armas e o transporte de explosivos.
- En República Centroafricana, nenos e nenas de ata 8 anos de idade foron recrutados e utilizados por todas as partes que interveñen no conflito para que participasen directamente en actos de violencia inter-étnica e relixiosa.
- En República Democrática do Congo, Nacións Unidas documentou novos casos de recrutamento de nenos por parte de varios grupos armados que operan na zona oriental do país. Os nenos, nalgúns casos de tan só 10 anos, foron recrutados e utilizado como combatentes ou en funcións de apoio como carrexadores e cociñeiros. Segundo os informes, as nenas foron utilizadas como escravas sexuais ou foron vítimas doutras formas de violencia sexual.
- En Iraq eSirya, os avances do ISIS e a proliferación de grupos armados fixeron aumentar aínda máis a vulnerabilidade dos nenos fronte ao recrutamento. Nenos de tan só 12 anos están a ser sometidos a unha formación militar e foron utilizados como informantes ou para realizar patrullas, integrar postos de control e custodiar lugares estratéxicos. Nalgúns casos, foron usados como terroristas suicidas e para levar a cabo execucións.
UNICEF traballa
cos seus aliados para apoiar os nenos unha vez que son liberados
polos grupos armados. Isto inclúe reunilos coas súas familias e
proporcionarlles servizos de saúde, necesidades básicas e apoio
psicolóxico, así como o acceso a programas de educación e
formación.
Recentemente produciuse a liberación gradual duns 3.000 nenos por
parte da Facción Cobra do Exército Democrático de Sudán do Sur
(SSDA).
Máis de 500 nenos foron liberados durante as últimas dúas semanas e
están a recibir apoio para volver á vida civil. Espérase que se
produzan novas liberacións durante o próximo mes.
Acerca do Día Internacional
contra o Uso de Nenos Soldado
O Día Internacional contra o Uso de Nenos Soldado empezouse a
conmemorar o 12 de febreiro de 2002, cando entrou en vigor oProtocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno
relativo á Participación de Nenos nos Conflitos
Armados.
Este protocolo foi aprobado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas
en maio de 2000 e foi ratificado por 159 estados.
Acerca da Representante
Especial do Secretario Xeral da ONU para a cuestión dos Nenos e os
Conflitos Armados
A Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas para
a cuestión dos Nenos e os Conflitos Armados é a principal defensora
da ONU para
a protección dos nenos afectados por conflitos armados e leva a súa
situación aos órganos máis altos da ONU.
Dende 1999, o compromiso sistemático do Consello de Seguridade
da ONU facilitou
establecer un marco sólido que permite á Representante Especial e
ao sistema da ONU denunciar
violacións graves contra os nenos, colaborar coas partes en
conflito e responder a estes problemas.
Para obter máis información sobre a Oficina da Representante Especial, visite: https://childrenandarmedconflict.un.org/es/
Para ter acceso a material de arquivo de vídeo e fotografías de calidade, visite: http://uni.cf/1DFMo1j
Acerca de UNICEF
UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.