Case 385 millóns de nenos viven en situación de pobreza extrema, segundo un estudo conxunto de UNICEF e o Grupo do Banco Mundial

Os nenos teñen máis do dobre de probabilidades que os adultos de vivir en situación de pobreza extrema, segundo a nova análise publicada polo Grupo do Banco Mundial e UNICEF.

Ending Extreme Poverty: A Focus on Children ["Erradicar a pobreza extrema: a situación dos nenos"] revela que, en 2013, un 19,5% dos nenos dos países en desenvolvemento vivían en fogares que saían adiante con 1,90 dólares ao día ou mesmo menos por persoa, en comparación a só un 9,2% dos adultos. En todo o mundo, case 385 millóns de nenos vivían en situación de pobreza extrema no mesmo ano.

Os nenos ven afectados de maneira desproporcionada, xa que representan aproximadamente unha terceira parte da poboación obxecto de estudo pero, ao mesmo tempo, a metade de quen están en situación de pobreza extrema. Os nenos máis pequenos corren máis perigo: máis dunha quinta parte dos menores de cinco anos dos países en desenvolvemento vive en fogares extremadamente pobres.
 
"Os nenos non só teñen máis probabilidades de vivir en situación de pobreza extrema, senón que ademais son os máis prexudicados polos seus efectos. Son os peor parados dos peor parados; e a situación dos máis pequenos é aínda peor, porque as privacións das que son vítimas afectan o desenvolvemento dos seus corpos e as súas mentes", explica Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF. ?Resulta chocante que a metade de todos os nenos do África Subsahariana e un de cada cinco nenos dos países en desenvolvemento estean a crecer en situación de pobreza extrema. Isto non só limita os seus futuros, senón que arrastra tamén ás sociedades ás que pertencen.
 
Esta nova análise aparece xusto despois da publicación do novo estudo estrela do Grupo do Banco Mundial, Poverty and Shared Prosperity 2016: Taking on Inequality [Pobreza e prosperidade compartidas 2016: abordar a desigualdade] que mostra que 767 millóns de persoas de todo o mundo vivían con menos de 1,90 dólares ao día en 2013, e a metade deles tiñan menos de 18 anos.
 
"O gran número de nenos en situación de pobreza extrema pon de manifesto a necesidade real de investir especificamente nos primeiros anos: en servizos como atención prenatal para nais embarazadas, programas para o desenvolvemento na primeira infancia, escolarización de calidade, auga limpa, saneamento adecuado e atención médica universal", sostiña Ana Revenga, directora superior do Departamento de Prácticas Mundiais de Redución da Pobreza e Promoción da Equidade do Grupo Banco Mundial. "A única forma de romper o ciclo de pobreza intergeneracional que está tan estendido na actualidade é mellorar eses servizos e garantir que os nenos de hoxe poidan ter acceso a oportunidades laborais de calidade cando lles chegue o momento".
 
A estimación global da pobreza infantil extrema está baseada en datos de 89 países, o que representa o 83% da poboación do mundo en desenvolvemento.
 
África Subsahariana rexistra as maiores taxas de nenos que viven en situación de pobreza extrema, algo inferiores ao 50%, así como a porcentaxe máis alta dos nenos máis pobres de todo o mundo, superior ao 50%. Asia Meridional conta coa segunda porcentaxe máis alto, preto dun 36%, e só na India vive máis do 30% dos nenos en situación de pobreza extrema. Polo menos catro de cada cinco nenos que vive en situación de pobreza extrema atópanse en zonas rurais.
 
Así mesmo, o informe revela que, mesmo en limiares máis altos, a pobreza segue afectando os nenos desproporcionadamente. Ao redor dun 45% deles vive en fogares que subsisten con menos de 3,10 dólares ao día por persoa, en comparación a case un 27% de adultos.
 
UNICEF e o Grupo do Banco Mundial están a apelar aos gobernos para que:
 
Avalíen de forma rutineira a pobreza infantil a nivel nacional e subnacional e céntrense nos nenos e en plans para a redución da pobreza nacional como parte dos esforzos destinados a erradicar a pobreza extrema antes de 2030.
 
Fortalezan os sistemas de protección social adaptados aos nenos, tales como os programas de transferencia de efectivo que axudan directamente ás familias pobres a financiar os alimentos, a atención médica, a educación e outros servizos que protexen aos nenos do impacto da pobreza e aumentan as súas posibilidades de romper o ciclo nas súas propias vidas.
 
Dean prioridade aos investimentos en educación, saúde, auga limpa, saneamento e infraestruturas que beneficien aos nenos máis pobres, así como aquelas que axuden a previr unha recaída na pobreza despois de contratempos como secas, enfermidades ou inestabilidades económicas.
 
Configuren as decisións políticas de forma que o crecemento económico beneficie aos nenos máis pobres.
 
UNICEF e o Grupo do Banco Mundial están a traballar cos seus aliados para interromper os ciclos de pobreza e promover o desenvolvemento temperán da infancia, grazas a un amplo abanico de programas que inclúen transferencias de efectivo, nutrición, atención médica e educación.

#######

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes. 
 

Acerca do Grupo do Banco Mundial

O Banco Mundial é unha fonte fundamental de asistencia financeira e técnica para os países en desenvolvemento de todo o mundo, pois traballamos xuntos para erradicar a pobreza extrema antes de 2030 e promover a prosperidade compartida en cada país. Somos unha das maiores fontes de financiamento externo para a educación, a loita contra o VIH/SIDA e os proxectos sobre biodiversidade, subministracións de auga e saneamento. Xunto aos nosos 189 países membros, traballamos para afrontar as dificultades máis apremiantes do desenvolvemento de todo o mundo. Para obter máis información sobre o Grupo do Banco Mundial, diríxase a www.worldbank.org. Síganos en Twitter and Facebook

Más información:

Belén de Vicente.

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

www.unicef.es

Síguenos en  Facebook  Twitter Youtube Instagram