Cada día 8 nenos son asasinados ou mutilados en Iemen

Oito nenos son asasinados ou mutilados cada día en Iemen debido ao conflito que afecta ao país, segundo un informe de UNICEF.

Iemen: a infancia baixo ameaza revela que preto de 400 nenos morreron e máis de 600 resultaron feridos dende a intensificación da violencia hai catro meses.

A interrupción dos servizos de saúde, o aumento das taxas de desnutrición, o peche de escolas e un maior número de nenos recrutados por grupos combatentes son algunhas das consecuencias do conflito que está a arrasar o país máis pobre do mundo árabe.

"Este conflito é unha traxedia especialmente para os nenos de Iemen", dixo o representante de UNICEF no país, Julien Harneis. "As bombas e as balas están a matar os nenos. Os que sobreviven enfróntanse a unha crecente ameaza de enfermidade e desnutrición. Non podemos permitir que isto continúe", engadiu.

O informe subliña que o conflito está a ser desvastador para a vida dos nenos agora, pero que tamén terá consecuencias terribles para o seu futuro.

Dunha poboación total de 24,41 millóns de persoas, preto de 10 millóns de nenos -o 80% da poboación menor de 18 anos- necesita asistencia humanitaria urxente ao longo do país. Máis de 1,3 millóns de persoas víronse forzadas a abandonar as súas casas.

Iemen: a infancia baixo ameaza resume os diferentes aspectos da crise aos que se enfrontan os nenos:

· Polo menos 398 nenos morreron e 605 resultaron feridos dende a intensificación do conflito en marzo.

· O número de nenos recrutados ou utilizados no conflito duplicouse, dos 156 de 2014 aos 377 verificados ata o momento en 2015.

· 15,2 millóns de persoas carecen de acceso a atención médica básica. Dende o 26 de marzo 900 instalacións sanitarias pecharon.

· 1,8 millóns de nenos teñen probabilidades de sufrir algunha forma de desnutrición de aquí a final de ano.

· 20,4 millóns de persoas necesitan asistencia para acceder a auga potable e saneamento debido á escaseza de combustible, os danos nas infraestruturas e a inseguridade.

· Preto de 3.600 escolas pecharon, o cal ten afectado a 1,8 millóns de nenos.

UNICEF estivo no centro das operacións humanitarias en Iemen dende o comezo do conflito. O persoal que traballa en todo o país está a responder ás necesidades básicas dos nenos proporcionándolles servizos vitais, que inclúen a distribución de auga potable e o tratamento dos nenos con desnutrición, diarrea, sarampelo e pneumonía.

Nos últimos seis meses o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia proporcionou apoio psicolóxico a máis de 150.000 nenos para superar os horrores do conflito. Ademais, 280.000 persoas aprenderon como actuar en caso de explosión de artefactos ou minas para evitar sufrir feridas.

UNICEF necesita 182,6 millóns de dólares (165 millóns de euros) para atender aos nenos e familias afectados polo conflito. Malia as tremendas necesidades, ata a data só recibiuse o 16% do requirido.

"Necesitamos fondos urxentemente para chegar aos nenos que o necesitan desesperadamente", dixo Harneis. "Non podemos quedarnos quietos e deixar que os nenos sufran as consecuencias dunha catástrofe humanitaria". Das emerxencias ás que UNICEF dá resposta no mundo, Iemen é unha das que ten un maior déficit de fondos.

UNICEF reitera o seu chamamento a todas as partes do conflito para que respecten os seus compromisos baixo o dereito internacional humanitario e non teñan como obxectivo os civís e a infraestruturas vitais como as escolas e instalacións de auga e de saúde. UNICEF recalca de novo a urxencia
de rematar o conflito dunha vez por todas.

Hoxe, 19 de agosto é o Día Mundial da Asistencia Humanitaria. Millóns de nenos sofren as consecuencias de catástrofes naturais, crise, conflitos armados en distintos lugares do mundo. Para UNICEF éprioritario responder con urxencia ás necesidades inmediatas dos nenos que viven en situacións de emerxencia proporcionando medios para a súa protección, a súa saúde e a súa educación.

Para acceder a vídeos e fotos:

ftp://video.unicef.es/yemen/

Usuario: Refcom

Contrasinal: uce442087

Para descargar o informe:

https://www.unicef.es/actualidad-documentacion/publicaciones/yemen-la-infancia-bajo-amenaza

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]