500 nenos mortos e 1,7 millóns en risco de desnutrición tras seis meses de violencia en Iemen

Os seis meses de violencia incesante en Iemen deixaron polo menos 505 nenos mortos, 702 feridos e máis de 1,7 millóns en risco de desnutrición, segundo dixo hoxe UNICEF. 

En todo o país, preto de 10 millóns de nenos -o 80% de toda a poboación menor de 18 anos- necesita axuda humanitaria urxente. Máis de 1,4 millóns de persoas víronse obrigadas a fuxir das súas casas.
 
"Cada día que pasa, os nenos ven as súas esperanzas e soños para o futuro esnaquizados", dixo o representante de UNICEF en Iemen, Julien Harneis. "Os seus fogares, escolas e comunidades están a ser destruídos, e as súas propias vidas están cada vez máis ameazadas pola enfermidade e a desnutrición".
 
Mesmo antes do conflito, a situación nutricional era moi grave, xa que Iemen produce menos do 10% das súas necesidades alimentarias e depende en gran medida de alimentos importados. Pero a escalada de violencia provocou unha espiral de inseguridade alimentaria e o aumento da desnutrición. As consecuencias para os nenos son dramáticas:
 
·         O número de nenos menores de 5 anos en risco de sufrir desnutrición severa aguda triplicouse en 2015: 537.000 nenos están agora en risco, en comparación cos 160.000 de antes do conflito.
 
·         Prevese que case o dobre de nenos menores de 5 anos, un total de 1,2 millóns, sufrirán desnutrición aguda moderada, fronte a 690.000 antes da crise.
 
A escaseza de alimentos e o pobre acceso aos mercados causado polo conflito, o acceso limitado ás instalacións sanitarias e saneamento, e a interrupción das oportunidades de traballo son as maiores causas desta deterioración. A escaseza de combustible, electricidade, gas, auga e outros servizos, está a empeorar a situación.
 
No últimos seis meses aumentaron os ataques a civís e infraestruturas fundamentais. Dende a intensificación do conflito en marzo de 2015, UNICEF verificou ataques ou danos en 41 escolas e 61 hospitais como consecuencia dos combates.
 
Atopar auga potable converteuse nunha batalla diaria pola supervivencia para máis de 20,4 millóns de persoas. Máis de 15 millóns de persoas perderon o acceso a asistencia médica básica, e a educación de 1,8 millóns de nenos interrompeuse polo peche de escolas.
 
A pesar destas difíciles condicións, UNICEF e os seus aliados estiveron no centro das operacións humanitarias desde o inicio do conflito. A resposta centrouse en proporcionar auga potable e saneamento, educación e servizos de protección infantil, así como tratamento para os nenos con desnutrición, diarrea, sarampelo e pneumonía.
 
UNICEF e os seus aliados proporcionaron acceso a auga potable a 3 millóns de persoas. Os equipos móbiles de saúde axudaron a fornecer vacinas contra a polio e o sarampión para máis de 5 millóns de nenos. Uns 93.500 nenos recibiron tratamento contra a desnutrición severa aguda e máis de 520.000 puideron realizar os seus exames aprazados.
 
Dende comezos de ano, UNICEF proporcionou apoio psicosocial a preto de 240.000 nenos para axudarlles a superar os horrores do conflito. Unhas 360.000 persoas recibiron material educativo sobre como evitar as minas e artefactos sen explotar. 

Más información:

Kate Rose, UNICEF Iemen, +962 798 270 701, [email protected]

Bismarck Swangin, Oficina Rexional UNICEF, Amman, +9620790157636 [email protected]

Najwa Mekki, UNICEF Nova York, +1212 326 7448, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55 [email protected]