30 millóns de nenos sen "volta ao cole" por conflitos e crises humanitarias

A grave escaseza de fondos dificulta aínda máis os esforzos para que os nenos continúen coa súa educación

Mentres os estudantes de moitos países do mundo volven á escola, unha cifra récord de conflitos e crises humanitarias está privando millóns de nenos do seu dereito á educación.

Case 30 millóns de nenos están sen escolarizar nos países afectados por situacións de emerxencia ou de conflito: aproximadamente a metade de todos os nenos sen escolarizar en todo o mundo. As escolas foron obxectivos de ataques e millóns de nenos desprazados víronse obrigados a abandonar os seus fogares e estudos.


En Liberia e Serra Leoa, as escolas de educación primaria e secundaria permanecerán pechadas polo menos ata final de ano debido ao brote de ébola, que afecta a máis de 3,5 millóns de nenos.


"Para os nenos que viven en situacións de emerxencia, a educación é unha liña de vida", dixoJosephine Bourne, responsable global de Programas de Educación de UNICEF. "Poder seguir aprendendo dá unha sensación de normalidade que pode axudar aos nenos a superar o trauma, e é un investimento --non só nos nenos, senón na fortaleza futura das súas sociedades. Sen os coñecementos, as habilidades e o apoio que a educación proporciona, como poden estes nenos e mozos reconstruír as súas vidas e as súas comunidades? "


Países afectados por conflitos:

 

. República Centroafricana: un terzo das escolas foron alcanzadas polas balas, incendiadas, saqueadas ou ocupadas por grupos armados.
. Gaza: máis de 100 escolas utilizadas como refuxios para máis de 300.000 desprazados durante o recente conflito necesitan ser rehabilitadas.
. Nixeria: no noroeste, estudantes e mestres foron asasinados e secuestrados, incluíndo máis de 200 alumnas que aínda non foron liberadas.
. Sirya: preto de 3 millóns de nenos, a metade da poboación escolar do país, non van a clase regularmente.
. Ucraína: unhas 290 escolas foron destruídas ou danadas durante os últimos combates.

 

Co obxectivo de que os nenos sigan tendo a oportunidade de aprender, mesmo no medio dunha crise, UNICEF está a apoiar os sistemas educativos de emerxencia con accións que van dende as aulas temporais e espazos alternativos de aprendizaxe para nenos desprazados e refuxiados internos, ata a subministración de millóns de cadernos, mochilas e outros materiais escolares fundamentais. UNICEF tamén apoia a educación a distancia para os nenos que non poden saír dos seus fogares e axudará a realizar programas educativos de raio para os nenos dos países afectados polo ébola.


Non obstante, a pesar da importancia dos programas de educación en emerxencias, estes encóntranse insuficientemente financiados.


"Os programas de educación en emerxencias apoiados por UNICEF soamente recibiron o ano pasado un 2% do total dos fondos destinados a acción humanitaria, o que supón un déficit de financiamento duns 247 millóns de dólares. A educación é unha parte esencial da resposta humanitaria; necesita apoio e investimento dende que se declara unha crise. Un número récord de emerxencias significa que máis nenos que nunca están agora en risco. Necesitamos urxentemente os recursos para chegar a estes nenos", sentenciou Bourne.

 

Más información:

Dailo Alli, UNICEF España, +34 609 160 051, [email protected] 
Melanie Sharpe, UNICEF Nova York: +1 917 485 3344, [email protected]
Najwa Mekki, UNICEF Nova York, Tel: +1 917 209 1804, [email protected]