200 millóns de mulleres e nenas son vítimas da mutilación xenital feminina

Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

Polo menos 200 millóns de nenas e mulleres que viven en 30 países sufriron a mutilación xenital feminina, segundo un informe estatístico publicado a véspera do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina (6 de febreiro).

O informe Female Genital Mutilation/Cutting: A Global Concern (A mutilación xenital feminina: unha preocupación mundial) destaca que a metade das nenas e mulleres que sufriron esta práctica viven en tres países ?Exipto, Etiopía e Indonesia; con todo toma como referencia estudos de menor dimensión e datos anecdóticos que proban que a ablación é un problema mundial de dereitos humanos que afecta as nenas e as mulleres en todas as rexións do mundo.
 
A mutilación xenital feminina refírese a varios procedementos distintos. Pero independentemente da forma en que se practique, supón unha violación dos dereitos da infancia.
 
"A mutilación xenital feminina difire entre rexións e culturas, e hai algunhas formas que implican riscos potencialmente mortais para a saúde. En todos os casos, viola os dereitos das nenas e as mulleres. Todos debemos incrementar esforzos -os gobernos, os profesionais da saúde, os líderes comunitarios, os pais e nais, e as familias- para eliminar esta práctica", dixo a directora executiva adxunta de UNICEF, Geeta Rao Gupta.
 
Segundo os datos, do total de mulleres que sufriron a ablación 44 millóns son nenas menores de 14 anos. A maior incidencia desta práctica entre as nenas desta idade prodúcese en Gambia, cun 56%, en Mauritania cun 54%, e en Indonesia, onde ao redor da metade das nenas menores de 11 anos foron sometidas á práctica. Os países con maior prevalencia da  mutilación xenital entre nenas e mulleres de 15 a 49 anos son Somalia, cun 98%, Guinea, cun 97%, e Djibouti, cun 93%.
 
En moitos países a maioría das nenas sufriron a ablación antes de chegar aos seus quintos aniversarios.
 
Segundo o informe sufriron esta práctica 70 millóns máis de nenas e mulleres que en 2014. Isto débese ao aumento de poboación nalgúns países e aos datos representativos a nivel nacional recompilados polo goberno de Indonesia. A medida que se dispón de máis datos sobre o alcance da mutilación xenital feminina aumenta a estimación do número total de nenas e mulleres que a sufriron. Desde 2016, 30 países dispoñen de datos representativos a nivel nacional sobre a mutilación.
 
"Determinar a magnitude da mutilación xenital feminina é esencial para eliminar a práctica. Cando os gobernos recompilan e publican as estatísticas nacionais atópanse nunha mellor posición para entender o alcance do problema e acelerar os esforzos para protexer os dereitos de millóns de nenas e mulleres", dixo Rao Gupta.
 
O traballo para eliminar esta práctica é cada vez maior. As taxas de prevalencia da mutilación xenital feminina diminuíron entre as nenas de 15 a 19 anos, como reflicte o descenso dun 41% en Liberia, dun 31% en Burkina Faso, dun 30% en Kenya e dun 27% en Exipto nos últimos 30 anos.
 
Desde 2008 máis de 15.000 comunidades e distritos en 20 países declararon publicamente o abandono da mutilación xenital feminina, incluíndo máis de 2.000 comunidades o ano pasado. Cinco países aprobaron leis que penalizan a práctica.
 
Os datos tamén indican a desaprobación xeneralizada da práctica, xa que a maioría das persoas dos países onde existen datos sobre a mutilación xenital feminina pensan que se debe eliminar. Isto inclúe case dúas terceiras partes dos nenos e os homes.
 
Pero estes progresos non son suficientes dado o crecemento da poboación: se as tendencias actuais continúan, o número de nenas e mulleres sometidas á mutilación xenital feminina aumentará considerablemente nos próximos 15 anos.
 
UNICEF, xunto co Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA polas súas siglas en inglés), codirige o maior programa mundial para a eliminación da mutilación xenital feminina. Colabora en todos os niveis cos gobernos, as comunidades, os líderes relixiosos e outros aliados para poñer fin á práctica.
 
Coa inclusión dunha meta sobre a eliminación da mutilación xenital feminina nos novos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable para 2030, o compromiso da comunidade internacional para poñer fin á ablación é máis sólido que nunca.

Para acceder a fotografías:

ftp://video.unicef.es/MGF/fotos

Usuario: Refcom

Contrasinal: uce442087

Para descargar o informe (en inglés):La mutilación genital femenina: una preocupación mundial

Nota para os editores

Female Genital Mutilation/Cutting: A Global Concern baséase en datos de máis de 90 enquisas representativas a nivel nacional, e por tanto é a compilación máis actualizada de estatísticas sobre a mutilación xenital feminina realizada nunca. 

Más información:

Melanie Sharpe, UNICEF, Nova York, + 1 917 251 7670, [email protected]
Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]