14 millóns de nenos afectados polo conflito en Sirya e Iraq

Ao iniciarse o quinto ano de crise en Sirya, UNICEF fai un chamamento para que se brinde máis apoio aos adolescentes

Preto de 14 millóns de nenos de toda a rexión sofre os efectos do cada vez máis intenso conflito que se desenvolve en Sirya e gran parte de Iraq, informou hoxe UNICEF.

Ao comezar o quinto ano de conflito en Sirya, os máis de 5,6 millóns de nenos que permanecen aínda nese país son os que se encontran en situación máis desesperada. Entre eles, uns dous millóns de nenos que viven en rexións do país ás que resulta imposible chegar para prestarlles axuda humanitaria debido aos combates e outros factores. Uns 2,6 millóns de nenos sirios continúan sen asistir a clase.

Case dous millóns de nenos sirios encóntranse refuxiados en Líbano, Turquía, Xordania e varios países máis. A eles débense sumar os 3,6 millóns de nenos das comunidades vulnerables nas que se albergan outros refuxiados, cuxa presenza impón cargas adicionais a diversos servizos, como a educación e a atención da saúde.

Mentres tanto, a crise en Iraq, que se vincula de xeito cada vez máis estreito coa de Sirya, obrigou máis de 2,8 millóns de nenos a abandonar os seus fogares e deixou moitos outros atrapados en zonas controladas por grupos armados.

"Os nenos de curta idade non coñecen outra realidade que esta crise. No caso dos adolescentes que inician a etapa formativa das súas vidas, a violencia e o sufrimento non só marcaron a lume o seu pasado senón que comezaron a definir o seu futuro", afirmou Anthony Lake, director executivo de UNICEF. "Ao comezar o quinto ano de crise, persiste o perigo de que esta xeración de mozos se perda nun ciclo de violencia e repita na xeración seguinte o que sufriu e continúa sufrindo".

A pesar dos trastornos causados polo conflito, os nenos e mozos seguen demostrando unha incrible coraxe e determinación. Exemplo diso é a serie de retratos que aparecen na páxina web de UNICEF,childrenofSyria.info, onde se narran casos como o de Alaa, un mozo de 16 anos de idade, que fuxiu do seu fogar na cidade de Homs, arrasada pola guerra, e que hoxe continuou os seus estudos e dirixe cursos de formación nos que participan outros nenos. Ou a historia de Christina, unha nena de 10 anos que vive nun refuxio no norte de Iraq e que axuda cos seus estudos a outros nenos menores ca ela.

"A pesar do dano que sufriron, dos males que lles fixeron e da aparente incapacidade dos adultos para poñer fin a este horrible conflito, os nenos afectados por esta crise non perderon a determinación e a coraxe necesarias para construír vidas mellores," engadiu Lake. "Ante tamaña determinación da súa parte, como non nos sentir máis decididos a axudarlles? Se eles non perderon a esperanza, como podemos perdela nós? ".

UNICEF fai un chamamento para que se realicen investimentos a longo prazo que permitan satisfacer as necesidades dos nenos e adolescentes e darlles as aptitudes e a motivación que requiren para construír un futuro máis estable. UNICEF
 explica que eses investimentos deberían estar dirixidos, entre outras, ás seguintes esferas:

·Cursos de recuperación escolar e de formación profesional, e actividades recreativas para os adolescentes. Tendo en conta que en Sirya hai uns cinco millóns de nenos de 12 a 18 anos de idade, os mozos necesitan apoio para adquirir aptitudes e medios para gañarse a vida.


· Oportunidades de recibir educación formal e non formal para os nenos afectados polo conflito, así como sistemas de certificación que fagan posible que os estudantes non perdan o seu status académico.

· Servizos de atención psicosocial e asistencia para os nenos vulnerables, como os que foron vítimas de violencia.

· Mellora dos sistemas de educación e saúde das comunidades anfitrionas, ademais de apoio aos medios de subsistencia, co fin de que todos os nenos que sufran algún efecto do conflito reciban axuda.

Más información:

Simon Ingram, Oficina Rexional de UNICEF para Oriente Medio e África Septentrional, [email protected] Tel: +962-79590-4740

Juliette Touma, Oficina Rexional de UNICEF para Oriente Medio e África Septentrional, [email protected] Tel: +962-79867-4628

Najwa Mekki, Sección de Medios de Comunicación de UNICEF, Nova York, [email protected]  Tel: +1-212-326-7448, celular: +1-917-209-1804

Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]