Tifón en Filipinas: a importancia da lactación materna para protexer os bebés

UNICEF e a Organización Mundial da Saúde (OMS) pediron hoxe aos implicados no traballo de resposta á traxedia provocada polo tifón Haiyán (Yolanda), en Filipinas, que promovan e protexan a lactación materna para evitar enfermidades e mortes evitables de nenos.

Os preto de 12.000 bebés que se estima que nacerán este mes nas zonas máis afectadas deben ser alimentados con leite materno de forma exclusiva, o que significa que non deben ser alimentados doutro xeito, xa que os protexe de infeccións potencialmente mortais. Ao redor dun terzo dos bebés con menos de seis meses, nacidos antes do desastre, reciben lactación materna de xeito exclusivo, e nove de cada dez foron aleitados parcialmente. As nais que estaban a aleitar os seus fillos parcialmente necesitan apoio para que o fagan de xeito exclusivo.

"A distribución incontrolada e o uso de leite preparado é extremadamente perigosa en situacións de emerxencia como esta, onde hai serios problemas de auga e saneamento, e risco de contraer enfermidades. Oapoio á lactación materna éprioritario para protexer os bebés dalgunhas zonas de Filipinasafectadas polo tifón" dixo a doutora Julie Hall, Representante da OMS en Filipinas.

UNICEF e a OMS dan prioridade á protección, promoción e apoio da lactación materna como unha medida que salva a vida de bebés de todo o mundo, e especialmente en situacións de emerxencia.

"Co apoio axeitado de traballadores sanitarios, conselleiros ou outras nais, unha muller que xa está a aleitar o seu bebé pode aumentar a súa produción de leite en cuestión de días se o fai con máis frecuencia", diTomoo Hozumi, Representante deUNICEF en Filipinas.
 

Axuda a Filipinas: evitar brotes de enfermidades

Durante as situacións de emerxencia, as taxas de enfermidades e mortes de bebés e nenos son máis altas que en calquera outro grupo de idade. Canto máis pequeno é o neno, maior é o risco, sendo os bebés menores de seis meses os máis vulnerables. Os bebés que toman leite artificial feito con auga contaminada con xermes ou que beben dunha botella ou mamila non esterilizada, poden enfermar de diarrea e morrer en cuestión de horas.

A alimentación dos bebés con leite artificial en situacións de emerxencia só debe considerarse como último recurso, despois de explorar outras opcións como axudar ás nais que non aleitan a reiniciar a lactación materna, buscar unha ou beber leite materno pasteurizado dun banco de leite materno.
Só un número relativamente pequeno de bebés menores de seis meses afectados por este desastre, aproximadamente uns 6.600, non teñen ningún tipo de acceso á lactación materna. Estes bebés deben ser identificados con urxencia, avaliar a súa situación alimentaria, e darlles apoio especializado xunto á mellor opción de alimentación segura.