Sudán do Sur: xogo e teatro para superar o conflito

Os nenos realizan actividades educativas durante a emerxencia en Sudán do Sur
Gústame o espazo amigo da infancia porque son feliz aquí, xogamos, bailamos e facemos un montón de cousas cos outros nenos. Isto axúdame porque así non me preocupo de ter deixado o meu fogar". Explícanolo Atong Aboh, de 12 anos.

Como ela, máis de 51.000 nenas e nenos están a ter acceso a actividades educativas durante a emerxencia en Sudán do Sur.

O pobo de Atong está na provincia de Bor, onde, en decembro de 2013, se desataron violentos enfrontamentos. A poboación segue fuxindo das matanzas e os campos de refuxiados, como este de Mingkaman, estanse a saturar. Os nenos e as mulleres son os máis afectados.

Os nenos de Sudán do Sur están a ser vítimas da violencia e o desprazamento masivo polo conflito inter-étnico que se desatou neste novo país hai uns meses. Enfróntanse a un grave perigo porque están no medio dos combates ou fuxiron das súas casas e necesitan, urxentemente, auga, alimentos, refuxio e protección.

Neste campo, ademais de dar resposta ás necesidades básicas, habilitáronse máis de 6 espazos amigos da infancia xestionados xunto a Plan Internacional. Nestes espazos, a danza, o son dos tambores e os talleres de teatro axudan a máis de setenta nenos desprazados a esquecer os traumáticos acontecementos que viviron no pasado.

"Mentres xogan esquéceselles o trauma que sufriron", sinala Diing Mayom, tamén desprazada, de 23 anos, e que foi formada como animadora para impartir os talleres aos máis pequenos.

UNICEF necesita urxentemente 75,1 millóns de dólares (uns 54,7 millóns de euros) para atender as necesidades humanitarias críticas da poboación vulnerable desprazada polo conflito durante 2014.