Sandro Rosell e Anthony Lake reúnense na sede de UNICEF en Nova York

O Director Executivo de UNICEF, Anthony Lake e o Presidente do FC Barcelona, Sandro Rosell, mantiveron unha reunión na sede de UNICEF en Nova York para falar sobre a alianza que recentemente renovou a Fundación do FC Barcelona con UNICEF, fortalecendo o seu compromiso de mellorar a vida de millóns de nenos a través do deporte e a educación.

Esta é a primeira vez que Anthony Lake e Sandro Rosell se reúnen, oportunidade na que ambos os dous celebraron esta alianza única. Tras a reunión, Anthony Lake afirmou:
"FCB é un exemplo de como ser grande dentro e fóra do campo. É unha alianza marabillosa e chega, directa e indirectamente, ás vidas de tantos nenos... " O Presidente do FC Barcelona destacou que "esta alianza permite levar o poder unificador e educativo do deporte ás zonas do planeta que máis o necesitan. O fútbol, e o deporte en xeral, son para nós ferramentas moi valiosas que nos axudan no traballo que facemos para o desenvolvemento infantil e na construción dunha sociedade máis xusta. "

O Director Executivo de UNICEF visitou o Camp Nou o pasado mes de maio, coincidindo cun evento que reuniu a 75 escolares, ao Vicepresidente da FundaciónFC Barcelona, Ramón Pont, e a Marc Bartra, xogador do FCBarcelona, para falar sobre a importancia do deporte na vida dos nenos. En agosto de 2011 ambos os dous aliados organizaron en Dallas un encontro entre un grupo de nenos e as estrelas do FCB David Villa e Thiago Alcántara, que responderon ás preguntas dos nenos sobre os valores do deporte, o fútbol e tamén sobre a alianza conUNICEF  .
 

Alianza entre UNICEF e FCB

O FCB contribúe con 1,5 millóns de euros ao ano para apoiar millóns de nenos a través do traballo deUNICEF en 16.000 escolas de catro países: Brasil, China, Ghana e Sudáfrica. A través destes programas prevese a formación de máis de 5.000 profesores e adestradores e a posta en marcha de actividades deportivas nos programas escolares como parte das Escolas Amigas da Infancia. Ademais, distribuirase material deportivo en escolas e realizaranse melloras de infraestruturas para a educación física e para os programas de xogo e deporte.

O valor do deporte para a infancia

UNICEF recoñece o valor fundamental do deporte e do xogo na vida dos nenos. A participación dos máis novos no deporte e no xogo contribúe ao seu desenvolvemento físico e tamén serve para ensinar valores básicos e coñecementos para a vida tales como a disciplina, o liderado, o traballo en equipo, a xustiza ou o respecto cara aos demais. O deporte e o xogo tamén poden ser de gran valor para loitar contra a discriminación e a exclusión de grupos marxinados, incluíndo nenos con minusvalideces.