O futbolista do Real Madrid Keylor Navas, novo Amigo de UNICEF

O xogador do Real Madrid e da Selección de Fútbol de Costa Rica, Keylor Navas, foi nomeado Amigo de UNICEF Latinoamérica e Caribe.

O futbolista apoiou en numerosas ocasións o traballo de UNICEF a favor da infancia máis vulnerable en accións como a primeira edición do partido solidario 
Champions for Life ou a campaña 25 líderes, 25 voces pola infancia lanzada por UNICEF Latinoamérica e Caribe e a axencia EFE con motivo do 25 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno en 2014.

O xogador sumouse tamén a outras iniciativas enfocadas a utilizar o deporte para o fomento da asistencia á escola e de valores como a tolerancia, a paz, o respecto, e para incentivar a cooperación e o liderado entre os máis novos.

"Para min é un orgullo formar parte da familia de UNICEF. Hai que intentar axudar en todo o posible. Oxalá que poidamos incentivar todos os mozos e nenos para que practiquen deporte, estuden e poidan saír adiante e loitar polos seus sonos", dixo Keylor Navas  no acto de nomeamento celebrado na Cidade Deportiva do Real Madrid en Valdebebas.
 
O xefe rexional de Comunicación de UNICEF América Latina e Caribe, Andrés López, trasladou a Keylor Navas o agradecemento da organización pola súa colaboración, destacando que "Keylor mostrou un enorme compromiso coa infancia máis vulnerable e a súa firme vontade de apoiar o traballo de UNICEF, especialmente nos países de América Latina e Caribe, pero tamén participando en iniciativas da organización en España. "

Neste sentido, o director executivo de UNICEF Comité Español,Javier Martos, apuntou que "é unha honra contar con Keylor Navas nesta tarefa, que é contribuír á defensa dos dereitos da infancia e favorecer o acceso dos nenos e as nenas á educación, estean onde estean. "

Como Amigo de UNICEF Latinoamérica e Caribe, Keylor Navas colaborará en iniciativas orientadas ao fomento do deporte entre os nenos, as nenas e os mozos como unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento das súas capacidades e para a súa formación nos valores que transmite a práctica deportiva. O seu papel na difusión da mensaxe de UNICEF é, e será, crucial en accións de sensibilización e de mobilización de recursos.