Foro de Davos: unha oportunidade de poñer os nenos no cumio da axenda mundial

Mentres os líderes mundiais se reúnen esta semana no Foro Económico de Davos (Suíza), UNICEF presentou unha ambiciosa Axenda para todos os nenos 2015 coa que exhorta a comunidade internacional a situar a infancia como unha prioridade nos novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

"Os líderes mundiais están a concretar unha folla de ruta para o desenvolvemento humano durante os próximos 15 anos. Coñecidos como os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, estas novas metas mundiais impulsarán o investimento e a acción en practicamente todos os países na terra, afectando a millóns de vidas. Por iso é vital que todos os nenos estean incluídos, e que os nenos de todo o mundo estean no corazón da nova axenda global", reza o documento.

"2015 debería ser un ano de acción global para os nenos, coa participación de todos: gobernos, institucións, empresas, comunidades, familias e individuos de todos os países," engade.
 

AS 7 PRIORIDADES DA AxENDA PARA TODOS OS NenOS 2015

  1. Poñer fin á violencia contra os nenos. Case 1.000 millóns de nenos menores de 15 anos sofren castigos físicos de forma habitual, e unha cuarta parte das adolescentes de entre 15 e 19 anos padecen violencia física. Por iso, o investimento na protección infantil contra a violencia, o abuso, o abandono e a explotación debe ser unha prioridade mundial.
  2. Conseguir que o fin da pobreza infantil sexa o elemento central da erradicación mundial da pobreza. A metade da poboación que vive en condicións de pobreza extrema (con menos de 1,25 dólares ao día) son nenos: preto de 570 millóns de menores de idade en todo o mundo. Sen acceso aos servizos de saúde, nutrición, auga e saneamento, vivenda e educación, este ciclo da pobreza seguirá perpetuándose.
  3. Poñer fin ás mortes previbles de nenos e nais. Os nenos do 20% dos fogares máis pobres teñen o dobre de probabilidades de morrer antes de cumprir 5 anos que os do 20% máis ricos, e case tres veces máis probabilidades de sufrir baixo peso ou de caer enfermos. A creación de mellores sistemas de saúde e unha mellor distribución dos recursos permitirá salvar vidas, fortalecer as familias e apoiar o crecemento sostible.
  4. Poñer máis atención á adolescencia, a segunda década da vida. Os avances alcanzados na primeira infancia pódense consolidar ou perder durante a adolescencia. Investir na súa aprendizaxe e na promoción de estilos de vida saudables, entre outros esforzos, axudará a protexelos contra a enfermidade e a violencia, e a preparalos mellor para a vida adulta.
  5. Aproveitar a cada vez maior "Revolución dos Datos". A obtención de datos oportunos e fiables é crucial para identificar os nenos que máis o necesitan e establecer políticas específicas para mellorar as súas vidas.
  6. Mellorar os investimentos en todos os nenos, especialmente os máis vulnerables e marxinados. Para alcanzar os resultados máis sostibles, os fondos teñen que estar dirixidos aos nenos e familias que máis o necesitan.
  7. Romper o ciclo das crises crónicas que afectan aos nenos. En 2014, 230 millóns de nenos vivían en zonas de conflito, e moitos máis víronse afectados polos desastres artificiais e naturais. A resposta mundial ás crises humanitarias débese centrar non só nas necesidades urxentes a curto prazo, senón tamén na construción da capacidade de recuperación a longo prazo.
"O mundo logrou un avance importante durante os últimos 15 anos, e non obstante millóns de nenos seguen aíndamarxinados. Isto ofrécenos unha grande oportunidade para chegar aos nenos que se quedaron atrás. As decisións e os investimentos que fagamos hoxe determinarán o futuro desta xeración e das futuras", dixo a directora executiva adxunta de UNICEFYoka Brandt.