Educación: a importancia do investimento e a equidade

En moitos países do mundo utilízase unha cifra considerablemente menor dos recursos públicos para educar os nenos do 20% máis pobre da sociedade que ás súas contrapartes do 20% máis rico, segundo o novo informe Argumento en favor do investimento na educación e a equidade, que publicamos hoxe en UNICEF. Esta diferenza pode chegar a ser 18 veces maior.

O argumento en favor do investimento na educación e a equidade indica que, como media, o 46% dos recursos empregados na educación pública nos países de baixos ingresos beneficia directamente ao 10% dos estudantes máis instruídos. Nos países de renda mediana e baixa a cifra é do 26%. Este desequilibrio favorece desproporcionadamente os nenos dos fogares máis ricos que normalmente alcanzan os niveis máis altos da educación.
 
 

Educación: Por un gasto máis equitativo 

O informe, o primeiro dunha serie que dende UNICEF imos presentar este ano co apoio da Fundación Bill e Melinda Gates, avoga firmemente por un gasto máis equitativo na educación. O documento exhorta aos gobernos a que establezan unha prioridade das necesidades dos nenos máis marxinados, que son os pobres, as nenas, as minorías étnicas e lingüísticas, os nenos con minusvalideces e os que viven en zonas de conflito.

"Hai preto de 1.000 millóns de nenos en idade escolar primaria e do primeiro ciclo de secundaria no mundo. Hai polo tanto 1.000 millóns de razóns para investir na educación", explica Yoka Brandt, directora executiva adxunta de UNICEF.
"Moitos destes nenos non reciben educación de calidade debido á pobreza, o conflito e a discriminación por razóns de xénero, minusvalidez e orixe étnica. Para cambiar isto, necesitamos revisar radicalmente as prácticas actuais, proporcionando máis recursos e asignándoos de xeito máis equitativo,".
 

educación: 1.000 MILLóNS DE RAZóNS PARA INVEsTIR 

O informe tamén pon de relevo outra grave crise na educación. O progreso no aumento do acceso á educación estancouse: con 58 millóns de nenos en idade escolar primaria que non van á escola, está claro que non se cumprirá o Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio 2 (lograr o ensino primario universal). Ademais, moitos dos que asisten actualmente a clase non están a aprender realmente. Os datos revelan que 130 millóns de nenos que chegan ao grao 4 non dominan as bases da lectura e a aritmética.

Esta situación vai empeorar a medida que aumente a poboación en idade escolar. Para lograr a educación básica universal, o mundo terá que matricular outros 619 millóns de nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 15 anos en 2030, un incremento do 57% con respecto ás cifras de hoxe en día.
 

Educación: os recursos públicos están a diminuir

A pesar disto, os recursos públicos para a educación están a diminuír. En 46 países de baixos ingresos hai un déficit de financiamento anual de 26.000 millóns de dólares para a prestación da educación básica universal, e dende 2009 a axuda oficial ao desenvolvemento para a educación diminuíu nun 10%. Para poñer as cousas en perspectiva, só o 5% dos beneficios anuais das 15 empresas con maiores ingresos do mundo serviría para eliminar este déficit de recursos.

Dende UNICEF instamos os gobernos e doadores a que aumenten o seu gasto na educación e garantan que os fondos se utilicen de xeito máis eficiente e se distribúan de xeito máis equitativo. O sector privado tamén ten un papel vital que desempeñar na mobilización de recursos para a educación, segundo o informe.

"Soubemos durante moito tempo que a educación pode romper o ciclo persistente da pobreza e a desvantaxe para os nenos, as familias e os países. Pero para facer isto, os gobernos e o sector privado teñen que investir non só máis fondos, senón tamén investir de forma máis intelixente na educación", sinala Brandt.
 

 oNoso chamamento á acción

Os gobernos:
  • Deben inverter máis. Os recursos asignados á educación son demasiado limitados. É posible e necesario que os países empreguen máis recursos dos seus presupostos nacionais
  • Deben adoptar políticas de asignación de recursos que se centren explicitamente nos nenos e nas rexións máis desfavorecidas, co fin de diminuír a brecha da equidade.
  • Deben dar prioridade á educación básica nos países de baixos ingresos. Nos países de ingresos medios, os investimentos deben estar dirixidos principalmente á educación secundaria, técnica e profesional. Os países de altos ingresos deben centrarse na educación terciaria.
  • Deben centrarse en investimentos que teñan o maior impacto posible en materia de acceso e aprendizaxe. É preciso determinar cales son as intervencións e as políticas económicas máis rendibles sobre unha base de país por país, utilizando probas sólidas.
  • Teñen que fortalecer os sistemas de avaliación da aprendizaxe, en particular para os primeiros graos. Tamén se deben recompilar mellores datos sobre os nenos marxinados, especialmente os nenos con minusvalidez, para asegurarse de que se eliminen os obstáculos no acceso á educación.
  • Deben ser máis responsables ante as comunidades, as familias e os nenos en materia de resultados educativos.
  • Tamén deben proporcionar programas non oficiais ou de "segunda oportunidade" para dar aos nenos e aos mozos excluídos oportunidades para recibir unha educación
Os doadores:
  • Deben aumentar a axuda á educación. Os recursos externos son insuficientes e dende 2009 a axuda oficial ao desenvolvemento para a educación diminuíu nun 10%
  • Deben centrar os seus investimentos nos países de baixos ingresos na educación preescolar, primaria e do primeiro ciclo de secundaria.
  • Deben asignar unha cota dun 10% da axuda humanitaria mundial á educación.
O sector privado:
  • Deben investir na educación e desempeñar un papel máis importante na mobilización de recursos para o sector.
  • Deben harmonizar os obxectivos e prácticas empresariais coas metas educativas.

Coñece máis sobre o noso traballo en educación para os nenos