Ébola: a hixiene mantén o virus fóra das aulas

Dende que se continuaron as clases ao comezo do ano despois de longos meses de atraso a causa do ébola, a posta en marcha de estritos protocolos de hixiene evitou novos casos de contaxio entre estudantes e profesores das escolas en Guinea, Liberia e Serra Leoa.

Os protocolos, que desenvolvemos dende UNICEF xunto aos nosos aliados, inclúen
a toma de temperatura dos nenos e do persoal da escola á súa chegada e a instalación de puntos para o lavado de mans. Tamén a distribución de millóns de pastillas de xabón e cloro e a formación -a decenas de miles de profesores e persoal administrativo- nos devanditos protocolos e na capacitación para ofrecer apoio psicolóxico.

O establecemento e a implementación destes protocolos ao longo dos tres países levaron meses de preparación.
 

Ébola: as escolas deben ser espazos seguros

"O enorme esforzo realizado para facer das escolas un sitio o máis seguro posible fronte á transmisión do ébola parece que mereceu a pena", explica Geoff Wiffin, representante de UNICEF en Serra Leoa. "Os nenos aprenderon na escola como protexerse a si mesmos e a outros do ébola, e puideron trasladar esas mensaxes aos seus pais e as súas comunidades. Isto xogou un papel esencial na batalla contra a epidemia".

Uns 5 millóns de nenos perderon meses de educación xa que as escolas estiveron pechadas dende xullo de 2014 ata os primeiros meses de 2015 nos tres países máis afectados, que xa tiñan índices baixos de educación. Antes do ébola, o 58% dos nenos ían á escola primaria en Guinea, o 34% en Liberia e o 74% en Serra Leoa.

UNICEF está a traballar para asegurar que os protocolos de prevención do ébola permanecen despois das vacacións e está a dar apoio para que os sistemas de educación sexan máis resistentes, tratando temas como a baixa matriculación, a escaseza de profesores cualificados e o acceso á auga potable. Só un 33% das escolas primarias teñen acceso a auga en Guinea, un 45% en Liberia e un 40% en Serra Leoa. Manter as prácticas de hixiene é fundamental para protexer os nenos doutras enfermidades.

Dado o éxito das medidas, Guinea-Bisáu puxo en marcha protocolos similares como medida de precaución, despois de que se crese que algunhas persoas que tiveran contacto con persoas enfermas na veciña Guinea Conakry poderían ter cruzado a fronteira sen que se lles puidese seguir o rastro.

"Mentres loitamos para chegar a cero casos, tamén debemos pensar no futuro. Necesítanse grandes investimentos para asegurar que as escolas teñen a infraestrutura básica de auga e saneamento", explica Sheldon Yett, representante de UNICEF en Liberia.

Se podes, fai un
 donativo para frear o ébola.